Monumenta 2015 inicia esta semana o seu programa de concertos e actividades en espazos de valor patrimonial de toda Galicia

image_gallery (2)A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria bota a andar esta semana a terceira edición do ciclo Monumenta, de difusión do patrimonio restaurado. Desde o 27 de agosto ao 5 de setembro, esta iniciativa promovida pola Secretaría Xeral de Cultura desenvolverá unha programación en espazos de valor patrimonial das catro provincias galegas con concertos e outras actividades a cargo de especialistas en diferentes áreas vinculadas coa arquitectura, a arqueoloxía, a astronomía, a xeografía e o urbanismo.

A área arqueolóxica de Tourón, o gótico mariñeiro de Noia, o xacemento Aquis Querquennis de Bande e o templo lucense de Santalla de Bóveda de Mera serán os protagonistas desta nova edición de Monumenta. Para achegarlle á cidadanía a súa singularidade e valor patrimonial, o ciclo ofrecerá actividades como andainas, observación de estrelas e paseos sonoros, ás que se sumarán, para rematar cada xornada, actuacións a cargo de recoñecidos artistas e grupos galegos. Leilía, Odaiko, Talabarte Trío e Rodrigo Romaní serán os encargados de descubrir o universo sonoro de cada un dos espazos que centran a terceira edición de Monumenta.

Experiencias diferentes arredor do patrimonio
Para favorecer o coñecemento do pasado e do presente de todos os seus escenarios, Monumenta conta coa implicación de axentes locais, que contribuirán a poñer en relación o patrimonio cultural co territorio e coa súa singularidade paisaxística.

Monumenta 2015 botará a andar no xacemento arqueolóxico de Tourón (Ponte Caldelas), un dos complexos de arte rupestre ao aire libre máis singulares de Galicia. No marco da visita guiada ao centro de interpretación, o comisario de arte contemporánea Ángel Cerviño e o artista sonoro Carlos Suárez falarán da relación entre natureza e arte no século XXI. A xornada tamén contará coa actuación musical do grupo Leilía e rematará cunha visita guiada polo arqueólogo Santiago Vázquez Collazo á area arqueolóxica e o visionado nocturno dos petróglifos. Ademais, o arqueólogo e especialista en astronomía guiará o público polo firmamento e axudarao a establecer conexións co xacemento.

O 29 de agosto, o ciclo chegará a Noia cun percorrido guiado polo gótico mariñeiro desta vila coruñesa, no que se inclúe a igrexa de San Martiño. A xornada, que contará coa participación do xornalista e músico Xurxo Souto, rematará cun concerto na praza do Tapal de Talabarte Trío, co violín de Quim Farinha, o acordeón diatónico de Pedro Pascual e o contrabaixo de Kin García.

A cita na provincia de Ourense terá lugar o 30 de agosto en Aquis Querquennis (Os Baños, Bande), e contará cunha visita ao centro de interpretación e un percorrido guiado por este campamento romano. Odaiko será o encargado do programa musical da xornada, cun concerto no que ofrecerá unha mostra da súa exploración da percusión tradicional galega.

A xornada de clausura de Monumenta 2015 será o 5 de setembro na igrexa de Santalla de Bóveda de Mera (Lugo), un dos monumentos prerrománicos máis senlleiros do occidente europeo. O concerto final correrá a cargo de Rodrigo Romaní, un dos músicos galegos máis destacados, membro fundador de Milladoiro.

También te podría gustar...