Miranda acompaña na Misa do Peregrino a máis de douscentos participantes das edicións deste ano de ‘Conecta con Galicia’ e ‘Escolas Abertas’, case todos residentes no exterior
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, acompañou onte ó mediodía na Misa do Peregrino a un grupo de máis de douscentos participantes nos programas da Xunta ‘Conecta con Galicia’ e ‘Escolas Abertas’, que asistiron con boa parte dos seus monitores e profesores. Un dos membros do grupo de participantes foi o encargado, precisamente, de facer a invocación ao Apóstolo durante o oficio relixioso.
Así, ademais de Miranda e persoal do seu departamento, escoitaron o oficio máis de 80 mozas e mozos residentes no Exterior, integrantes da segunda quenda do programa ‘Conecta con Galicia’; unha cantidade similar de participantes, tamén da diáspora, en ‘Escolas Abertas’; unha ducia de monitores do primeiro programa e docentes do segundo; e finalmente en torno a 40 rapaces residentes na Galicia territorial, que están a compartir estadía cos seus compañeiros do Exterior na primeira das iniciativas.
A Misa do Peregrino, co correspondente voo do botafumeiro na cruceta catedralicia, é un dos referentes culturais, históricos, plásticos, turísticos e por descontado relixiosos, máis importantes e estendidos na proxección internacional de Galicia. Alén do seu carácter de promoción da nosa terra, constitúe unha imaxe reiterada no imaxinario colectivo da Emigración galega, transmitido a segundas e terceiras xeracións, moitas nadas xa na diáspora: velaí a relevancia e transcendencia íntima e subxectiva que moitos dos participantes na cerimonia de hoxe conferían á súa presenza na basílica compostelá, e que propiciou nelas e neles intensos e emotivos momentos.