Meteogalicia celebra o día meteorolóxico mundial hoxe cunha xornada de portas abertas nas instalacións de Santiago e no radar de Cuntis

Un grupo de 15 estudantes do curso de Eficiencia enerxética de edificios visitaron hoxe as instalacións de MeteoGalicia  Autor: Ana Varela

Un grupo de 15 estudantes do curso de Eficiencia enerxética de edificios visitaron hoxe as instalacións de MeteoGalicia
Autor: Ana Varela

Meteogalicia celebrará o Día Meteorolóxico Mundial hoxe luns, 23 de marzo, cunha xornada de Portas Abertas nas súas instalacións en Santiago e no Radar meteorolóxico de Cuntis, instalado no Monte de Xesteiras.

No caso da xornada de portas abertas a Meteogalicia os horarios son desde as 10 ata as 13:30 horas e dende as 16 atas as 20 horas, en grupos de 15 persoas. En Cuntis, a actividade desenvolverase só pola tarde, dende as 16 ata as 17:30 horas, en grupos de 12 persoas.

Nesta xornada os visitantes coñecerán como se elabora a predición meteorolóxica, así como datos da rede de estacións meteorolóxicas e de calidade do aire, aparatos de medición, etc.

Asemade, no mes de marzo tamén se manteñen as visitas dos centros escolares á Meteogalicia, polo que no terceiro mes de 2015 case 500 alumnos de primaria e da ESO coñecerán as instalacións deste servizo, dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

Estas actividades adáptanse e adecúanse ao nivel e intereses do auditorio, de modo que se profunda máis ou menos segundo o devandito nivel. No caso de alumnos de Bacharelato, ademais, insistirase na descrición das situacións sinópticas e o seu recoñecemento. Para alumnos de Universidade ou outro tipo de grupos explicarase tamén o funcionamento dos modelos meteorolóxicos, a interpretación dos seus resultados e o uso da páxina web de Meteogalicia na que se poderá atopar toda a información que se precisa para realizar a predición. Tamén se deteñen, si é de interese, nun aspecto fundamental da meteoroloxía como é a detección e seguimento de fenómenos meteorolóxicos adversos e fan especial fan especial fincapé nas fontes de incerteza que existen no traballo de toma de datos e na posterior predición.

Estas actividades divulgativas están enfocadas tanto a estudantes de centros de ensinanza, como ás asociacións culturais. Para iso, ademais de incluír visitas ás instalacións de Meteogalicia en San Lázaro, tamén se explican os pasos esenciais que se deben dar para realizar as predicións meteorolóxicas.

Cando os visitantes chegan ás instalacións de Meteogalicia amósaselles a sala de predición, onde se explican as ferramentas que usan os técnicos para levar a cabo o seu traballo, así como unha explicación básica do proceso de predición meteorolóxica. Faise un especial fincapé nas fontes de incerteza que existen no traballo de toma de datos e na posterior predición. Tamén se fai unha breve presentación, que representa unha toma de contacto coa meteoroloxía e á climatoloxía, que no caso de alumnos de Primaria e Secundaria serve para repasar os conceptos de diferenza entre tempo e clima, ciclo hidrolóxico, borrascas e anticiclóns, frontes, furacáns, tornados e imaxes de satélite, entre outros.

Para rematar, invítase ao alumnado a visitar unha mostra de aparellos meteorolóxicos, na que se explican os distintos sensores e a súa utilidade así como se dan algunhas pinceladas sobre o traballo de observación meteorolóxica e mantemento da rede de estacións meteorolóxicas deste organismo autonómico.

Meteogalicia recibe alumnos de colexios e institutos dende o seu comezo, hai 15 anos, xa que sempre se considerou unha parte fundamental da meteoroloxía dar a coñecer cómo se fan as predicións e medicións do medio atmosférico. Para máis información sobre o contido das conferencias que se imparten en Meteogalicia hai que consultar o seguinte enlace:
http://www.meteogalicia.es/datosred/infoweb/meteo/docs/meteoescolas/infoConferencias_gl.pdf.

También te podría gustar...