Cabecera-Diario-Oficial-Galicia_EDIIMA20121201_0107_13O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a Orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a entidades colaboradoras de pesca fluvial para o fomento da riqueza piscícola, e se convocan para o ano 2015. A dotación desta convocatoria ascende a 70.000 euros.

As axudas están destinadas a actuacións concretas en tramos de pesca fluvial coa intervención das asociacións ou entidades colaboradoras de pesca interesadas, amparan os obxectivos sinalados na propia normativa de desenvolvemento da pesca fluvial en Galicia. En concreto, as actividades que poden ser obxecto de subvención serán os labores de vixilancia en tramos de pesca exercidos por vixiantes xurados de pesca fluvial, con nomeamento regulado segundo a Lei e o Regulamento de pesca autonómicos. Poderán acollerse os contratos en vigor a partir do 1 de outubro do 2014 ata o 30 de setembro do 2015.

Cómpre lembrar que, tal e como indica o Regulamento de pesca fluvial de Galicia, considéranse entidades colaboradoras aquelas que, tendo recoñecido expresamente tal carácter, realicen actividades ou investimentos en favor da riqueza piscícola das augas continentais galegas, así como na mellora da calidade do ambiente das devanditas augas.

O financiamento destas actuacións encádrase no marco de colaboración entre o Estado e a Comunidade Autónoma de Galicia por medio do Programa de Desenvolvemento Rural Sostible, que establece un conxunto de medidas destinadas, entre outras, á conservación da natureza e a xestión dos recursos naturais, segundo o reparto territorial establecido no Real decreto 752/2010, do do 4 de xuño, e que están priorizadas por Zonas Rurais indicadas ao efecto na Orde.

Poderán optar a estas subvencións 63 sociedades de pescadores galegas que teñen vixente a súa condición de Entidade Colaboradora de pesca fluvial e que presenten a solicitude correspondente no prazo dun mes, contando a partir do día seguinte á publicación no Diario Oficial de Galicia.