María Benjumea cualifica á Deputación de Ourense como “un modelo de innovación na xestión”

Antonio Villaverde, Manuel Baltar e María Benjumea

 

María Benjumea cualifica á Deputación de Ourense como “un modelo de innovación na xestión

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, inaugurou hoxe no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” a Xornada Star-up “A aventura de emprender”, na que se analizaron experiencias de empredemento, modelos de negocio, mercado e marketing. O presidente do goberno provincial estivo acompañado por María Benjumea, fundadora e presidenta de “Spain Starup”, e por Antonio Villaverde, vicepresidente da Cámara de Comercio de Ourense.

María Benjumea, creadora e impulsora do maior foro mundial de investidores e emprendedores, o “Spain Startup The South Summit”, que se celebra en Madrid, destacou o papel que está a xogar a Deputación de Ourense no ámbito da innovación e de modernidade na xestión, afirmando que os proxectos que está a desenvolver nos ámbitos da administración electrónica, o medio ambiente, a competitividade e ou mesmo a cooperación cos concellos “é un exemplo de innovación que debería trasladarse a outras deputacións de España”.

Benjumea, que na pasada edición do “Spain Startup The South Summit” reuniu a 7.000 persoas de 34 nacionalidades, das cales máis de 2.000 eran empresas e investidores que coñeceron as ideas de 3.500 emprendedores, subliñou que “o marcado carácter innovador que está a demostrar a Deputación de Ourense é unha boa proba de que os políticos e as institucións deben achegarse cada vez máis á innovación, en favor dunha maior eficiencia da xestión a prol dos cidadáns”.

Pola súa banda, o presidente do goberno provincial inaugurou a xornada afirmando que Ourense “destaca pola súa cultura e tradición do emprendemento, orixinada na nosa razón de ser como pobo emigrante, traballador e creativo”. Manuel Baltar agradeceu a María Benjumea a súa presenza neste encontro de emprendedores “porque ela é o vivo exemplo de como crear proxectos e crer neles, unha filosofía que encaixa perfectamente na liña estratéxica da Deputación de apoio á competitividade e ao talento en Ourense, unha provincia que é modelo de emprendedores en moitos de ámbitos, entre os que destacan o deseño textil, a industria da automoción e o cooperativismo no sector agroalimentario”.

Tamén se referiu á importancia de combinar emprendemento e innovación o vicepresidente da Cámara de Comercio, Antonio Villaverde, ao afirmar que son claves “para o desenvolvemento nos novos ámbitos empresariais”. Villaverde destacou a colaboración entre o Inorde, a Cámara e a Fundación Incyde, “que fixo posible levar a cabo na provincia de Ourense tres programas de creación e consolidación de empresas nos que se impulsaron 80 proxectos”. 

“A aventura de emprender”

A xornada de hoxe, organizada pola Deputación de Ourense a través do Inorde e a Fundación Incyde, coa colaboración de “Spain Startup” e da Cámara de Ourense, tivo como obxectivo reunir a empresarios e emprendedores ourensáns vinculados ao mundo da innovación e a creatividade aplicada aos negocios para que contasen as súas experiencias e analizaran a situación actual, ofrecendo claves para converter ideas en proxectos reais.

O encontro comezou cunha “conversación inspiracional” baixo o título de  “Como volver emprender e non morrer no intento?”, a cargo de María Benjumea e Miguel Caballero, fundador de Tutellus. María Benjumea animou tamén ás startups ourensás a participar no próximo South Summit, que terá lugar na praza de touros das Vendas (Madrid) os días 7,8 e 9 de outubro. Este encontro reunirá nun mesmo escenario aos principais fondos de investimento internacionais e ás corporacións máis innovadoras. Posteriormente, desenvolvéronse relatorios sobre emprendemento e nnovación, e un taller que analizou o tema: «Do deseño do modelo de negocio ao seu desenvolvemento no mercado; o go-to-market strategy», a cargo de Marcos Eguillor, Profesor do IE Business School e experto en negocio dixital.