Manzaneda e outras 18 localidades galegas na nova edición da iniciativa “Aprende a usar o smartphone”, dirixida ás persoas maiores

  • A Fundación Vodafone e a Amtega poñen en marcha unha nova edición da iniciativa “Aprende a usar o smartphone”, dirixida ás persoas maiores
  • A entidade acaba de adherirse como aliad@ dixital ao Plan de inclusión dixital de Galicia
  • Dezanove localidades de Galicia con aula CeMIT ofertan preto de 300 prazas para introducir ás persoas maiores no manexo dos teléfonos intelixentes
  • Non é necesario dispor de terminal móbil para poder acceder a estes cursos
  • A actividade continuará ata finais de novembro percorrendo aulas das catro provincias galegas
  • Pódense consultar as datas e formalizar a inscrición, de balde, na web da rede CeMIT

aprende_usar_smartphone

 

A Fundación Vodafone vén de formalizar a súa adhesión como aliado dixital ao Plan de inclusión dixital de Galicia 2020, que desenvolve a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega). Como resultado desta alianza, ambas entidades puxeron en marcha este mes a segunda edición do proxecto “Aprende a usar o smartphone” para introducir as persoas maiores no manexo dos teléfonos móbiles intelixentes.

A actividade, que se prolongará ata novembro, chegará a 19 aulas da Rede que ofertan preto de 300 prazas. Cada un dos centros CeMIT que participan nesta iniciativa disporá de diversos terminais telefónicos para facilitar a aquelas persoas que non dispoñan deles o seu manexo. Ademais, os participantes recibirán unhas guías en papel que recollerán dunha forma visual sinxela as operacións básicas (acender, chamar, gardar números, etc) así como exemplos de aplicacións básicas e de interese este colectivo.

As aulas implicadas disporán, tamén, dunha serie de vídeo pílulas formativas breves e moi prácticas, que servirán de material de apoio audiovisual á hora de formar dunha maneira fácil e á medida da persoa interesada.

As vantaxes que ofrece o uso destes teléfonos para as persoas maiores son moitas en aspectos relacionados coa súa seguridade (xeolocalización, teleasistencia…); coa posibilidade de gozar novas formas de lecer (lectura, música, libros, xogos, turismo, museos, monumentos, cultura, gastronomía, TV…); con novas posibilidades de relacionarse cos demais (redes sociais, intercambio de fotos e vídeos, mensaxería por internet,…); cun acceso máis rápido a información (noticias e prensa en liña…), aplicacións de servizos xerais (accesibilidade, Administración electrónica, e-saúde), en calquera lugar e a calquera hora.

Localidades e inscrición
As persoas interesadas en asistir aos cursos poden consultar as datas e formalizar a súa inscrición na páxina web da rede CeMIT (http://cemit.xunta.gal), onde tamén atoparán os datos de contacto de cada unha das aulas para resolver ás dúbidas que poidan xurdir.

As 19 localidades que ofertan estas actividades son:

Concello
Provincia
Coruña, A
Coruña, A
Cerceda
Coruña, A
Ortigueira
Coruña, A
Pontes, As
Coruña, A
Santa Comba
Coruña, A
Sigüeiro – Oroso
Coruña, A
Vimianzo
Coruña, A
Barreiros
Lugo
Carballedo
Lugo
Sarria
Lugo
Manzaneda
Ourense
Verín
Ourense
Xunqueira de Ambía
Ourense
Cuntis
Pontevedra
Guarda, A
Pontevedra
Ponteareas
Pontevedra
Porriño, O
Pontevedra
Valga
Pontevedra
Vigo
Pontevedra

Fundación Vodafone
A Fundación Vodafone España é unha institución sen ánimo de lucro que contribúe ao impulso da innovación e a utilización das TIC para mellorar a calidade de vida das persoas e, especialmente dos colectivos vulnerables. Participa en proxectos de innovación tecnolóxica nacionais e europeos, dirixidos a investigar novas aplicacións das comunicacións móbiles que faciliten a vida a persoas dependentes, maiores e enfermos crónicos.

Plan de inclusión dixital de Galicia 2020 – Aliados Dixitais
O Plan de Inclusión Dixital é a estratexia da Xunta de Galicia para impulsar un novo modelo de inclusión dixital, que integra as accións para a alfabetización dixital con outras que permitan a calquera persoa, independentemente do nivel dixital no que se atope, avanzar, madurar e acceder a maiores niveis de coñecemento e uso das TIC, camiñando cara a innovación social dixital.

A Amtega está a desenvolver as iniciativas desta estratexia en colaboración cos axentes do ecosistema dixital, os aliados dixitais do Plan. O pasado 29 de abril, publicouse a resolución que permite que todas as entidades, empresas, asociacións, etc interesadas en participar neste eido poidan adherise coma aliados dixitais a través dun proceso telemático na sede electrónica da Xunta de Galicia.

 

También te podría gustar...