EDAR Pontebarxas

 

Manuel Baltar visitou onte a nova depuradora de Pontebarxas, que supuxo un investimento de 700.000 euros

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, visitou hoxe as obras da nova depuradora de Pontebarxas (Padrenda), na que o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente investiu máis de 700.000 euros. O motivo desta actuación ten a súa razón de ser en que a actual infraestrutura resultaba insuficiente para dar servizo axeitado aos veciños debido á extensión que ten experimentado a rede nos últimos anos.

O percorrido polas obras realizouno o presidente provincial en compañía do presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Francisco Marín; o subdelegado do Goberno en Ourense, Roberto Castro, e o alcalde de Padrenda, Manuel Pérez, quen, posteriormente, percorreron o camiño do río Troncoso realizado con fondos do proxecto europeo CARISMA, que promove a declaración da primeira Reserva Internacional Fluvial da Unión Europea, entre España e Portugal.

A nova depuradora, executada pola CHMS, corrixirá as deficiencias detectadas na antiga EDAR que daba servizo a Pontebarxas, construída nos anos 60 para uns 150 habitantes. As novas instalacións dispoñen dunha capacidade para tratar as augas de 600 habitantes e están dotadas dun novo proceso para a liña de depuración cun tratamento primario e un biolóxico. Estes traballos están incluídos no programa operativo de financiamento con cargo aos Fondos de Desenvolvemento Rexional que a CHMS deseñou para o período 2007-2013, contando coa participación e o apoio cidadán das poboacións implicadas, co obxectivo de levar a cabo actuacións para a mellora medioambiental da contorna dos ríos.

No que atinxe ao acondicionamento do camiño do río Troncoso, os traballos nesta actuación consistiron na mellora da contorna natural ao longo de 2,2 quilómetros de sendeiro ao borde do río.