Manuel Baltar visita á selección holandesa feminina de remo, que comeza a súa preparación en Laias
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, mantivo hoxe unha reunión cos técnicos e deportistas da selección holandesa feminina de remo no Centro de Adestramento de Remo de Laias, Arnoia e Castrelo de Miño, situado na contorna do Balneario de Laias (Cenlle), unhas instalacións nas que a institución provincial ven de acometer un investimento de 35.000 euros a través do Inorde para a construción dun pantalán que permite a equipos de remo nacionais e internacionais dispoñer dunhas instalacións axeitadas para realizar seus adestramentos.
Manuel Baltar dixo que Ourense dispón «dunha das mellores infraestruturas deportivas de España para a práctica do remo e do piragüismo na contorna do embalse de Castrelo, e proba diso é que, ademais do equipo de Holanda, seleccións como as de Bielorrusia, Reino Unido ou Australia xa están xestionando a posibilidade de desenvolver programas de estancia e adestramento neste centro». O presidente do goberno provincia subliña que esta actuación forma parte do Plan «Ourense, a provincia termal», «que combina saúde, deporte e lecer, e que ten como obxectivo poñer en valor unha das principais singularidades da nosa provincia como é o termalismo».
En concreto, o equipo nacional de Bielorrusia (con 53 integrantes) xa confirmou a súa estadía dende o 22 de febreiro ata o 1 de abril de 2015. A el lle seguirá o equipo da Federación Bielorrusa de persoas con discapacidade que practican este deporte, e tamén o College William Borlase do Reino Unido (40 integrantes), así como a Federación Australiana (35 membros), mentres que se atopan en negociación solicitudes das federacións de remo de Argelia e Corea do Sur e tamén solicitaron información as seleccións de Lituania, Polonia, Alemaña, Rusia, Francia e Esolvenia.
Precisamente, nesa liña de promocionar internacionalmente o ámbito termal da provincia de Ourense «este ano 2015 seremos a primeira administración que porá en marcha un programa de «Termalismo Social Transfronteirizo», que abrirá novas posibilidade aos nosos balnearios e permitirá aos nosos veciños portugueses a súa plena participación no mesmo», explicou Manuel Baltar.
Na súa visita de hoxe a Laias Manuel Baltar interesouse polo programa de adestramento da selección holandesa, a cal permanecerá no Centro de Remo ata o vindeiro 11 de febreiro. O equipo está integrado por 20 persoas, entre deportistas, técnicos e adestradores (un dos cales foi campión olímpico de remo en Londres), que están a preparar a vindeira cita olímpica.