Manuel Baltar inaugura o venres a “III Xornada sobre o futuro das provincias”

III Xornada Futuro das Provincias

 

Manuel Baltar inaugura o venres a “III Xornada sobre o futuro das provincias”.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, inaugurará o vindeiro venres, 13 de marzo, no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” a “III Xornada sobre o futuro das provincias”, un evento no que se analizarán en relatorios e debates as competencias provinciais e as estratexias de Transparencia e “goberno aberto” dos gobernos locais intermedios. A xornada está organizada pola Deputación de Ourense e a Fundación Democracia e Goberno Local, o think tank (laboratorio de ideas) máis importante do municipalismo español, integrada por 23 dos 45 gobernos locais intermedios de España.

A xornada, unha iniciativa que forma parte do Plan Ourense 92, ten como obxectivo analizar o papel fundamental que xogan as deputacións para facer efectivo o principio de equilibrio territorial e racionalizar e facer máis eficaz a organización dos servizos públicos, especialmente no que atinxe aos gobernos locais intermedios. Asemade, este foro avoga por un modelo de cooperación local que axude a redimensionar as tarefas dos concellos e demais entes locais.

Xunto a Manuel Baltar, no acto inaugural estará Josep Llobet Navarro, deputado delegado da Deputación de Barcelona para as Relacións coa Fundación Democracia e Gobierno Local. O primeiro dos relatorios, sobre “A provincia na Constitución española de 1978. Perspectivas de futuro”, será ofrecido por Roberto Blanco Valdés, catedrático de Dereito Constitucional da Universidade de Santiago de Compostela, ao que seguirá o relatorio sobre “As competencias provinciais”, a cargo de Tomás Quintana López, catedrático de Dereito Administrativo da Universidade de León. Asemade, o relatorio que abordará as “Estratexias provinciais de “Goberno Aberto”. Transparencia”, será ofrecido por Diana Santiago Iglesias, doutora de Dereito Administrativo da Universidade de Santiago, tralo cal terá lugar un debate entre os asistentes.

También te podría gustar...