Manuel Baltar destaca «a maridaxe entre viño, cultura e cooperación institucional», na presentación do Ribeiro Blues Winefestival

1 1 1 1 1 1 1 MB e Rib Blues 15

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, cualificou ao «Ribeiro Blues Winefestival» como un evento no que se produce «unha excelente maridaxe entre cultura, viño e cooperación institucional», afirmando que a Deputación de Ourense «colabora con esta idea innovadora e de vangarda que aposta polo futuro da viticultura no Ribeiro e a súa promoción dunha maneira singular e atractiva irmanando viño e boa música».

O presidente do goberno provincial fixo esta afirmación no acto de presentación deste evento, que este ano celebra a súa segunda edición, e que terá lugar no Parque Náutico de Castrelo de Miño os días 7 e 8 de agosto. No acto, Manuel Baltar estivo acompañado polo alcalde de Castrelo de Miño, Xurxo Rodríguez, e polo presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro, Miguel Ángel Viso.

No Ribeiro Blues Winefestival participarán máis de trinta adegas e colleiteiros «nun evento que lle pon a banda sonora ao Ribeiro nunha contorna privilexiada como é a do parque náutico», explicou o alcalde. Mentres que Miguel Ángel Viso destacou que o consello regulador «estará sempre ao carón de iniciativas como esta, que potencia a imaxe da viticultura no Ribeiro e a todo o sector do viño».

A presentación, que tivo lugar no salón de actos do Centro Cultural «Marcos Valcárcel» da Deputación de Ourense, contou coa actuación en directo da cantante de jazz Shanna Waterstown, unha das artistas convidadas a participar no festival, xunto con Khalif «Wailing» Walker, J. Teixi Band, Big Lis & Gumbo Band, The Tetas Van, Virginia Labuat, jeb Rault & The Trio e Johnny Cat & The Poor Dogs.