Manuel Baltar convoca o «I Cumio de alcaldes e alcaldesas» para poñer en común proxectos e experiencias a prol da provincia

Plan Ourense 15 19

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, ven de convocar aos rexedores locais da provincia ao «I Cumio de alcaldes e alcaldesas», un encontro que se celebrará en Expourense o vindeiro 4 de setembro e que ten o obxectivo «poñer en común proxectos e experiencias a prol da provincia dun xeito participativo e aberto, para desenvolver unha política máis conectada coa realidade local de Ourense», afirma o presidente do goberno provincial.

Na carta remitida aos alcaldes, Baltar afirma que a intención é ofrecer «a miña máxima dispoñibilidade» para abrir unha canle de comunicación permanente cos concellos, «procurando a prestación de servizos públicos coa máxima calidade, pois todos os veciños e veciñas da provincia teñen os mesmos dereitos residan onde residan», e engade que os campos para esa cooperación «son ilimitados e poden abranguer cuestións no ámbito das infraestruturas, no eido medioambiental, e mesmo actuacións culturais, enerxéticas ou deportivas, sen descoidar a innovación como asistir e cooperar en materia de transparencia institucional».

Esta medida, incluída no Plan de Goberno Ourense 15-19, permitirá segundo o presidente «formular suxestións á política provincial, informar dos plans da Deputación e facer unha valoración dos mesmos. Todo elo para desenvolver unha política máis interactiva e achegada ao cidadán». «Inauguramos un novo xeito de relacionarnos entre administracións cun obxectivo común irrenunciable: Ourense», destaca Manuel Baltar, quen explica na carta que os alcaldes terán a oportunidade de expoñer as cuestión que teñan a ben, e para unha mellor coordinación e axuste de tempos na xuntanza, proponlles aos que queiran intervir na reunión cun rogo ou unha pregunta os fagan chegar antes do 2 de setembro ao enderezo electrónico: cumiou@depourense.es.

Medidas do Plan OU 15-19

Ademais desta medida, o Plan OURENSE 15-19 inclúe dentro das 77 iniciativas programadas polo presidente outras dúas que, a pesares de estar fixadas no cronograma para o ano 2016, xa se adiantan a este mes de xullo. Son, por unha banda, a creación do Comité de Coordinación Permanente, para establecer liñas de colaboración co Concello de Ourense en ámbitos, por exemplo, como o de establecer unha nova fórmula de xestión dos espazos culturais e deportivos da capital.

A outra medida é a reorganización das comisións informativas permanentes da Deputación de Ourense, que a partires de agora celebraranse en dous días (mércores e xoves) e cuxa nomenclatura e composición foron aprobados no pleno do pasado día 23 de xullo, quedando da seguinte maneira: Comisión Especial de Contas, Facenda e Economía; Comisión de Transparencia e Administración Provincial; Comisión de Cooperación, Infraestruturas e Medio Rural; Comisión de Igualdade, Benestar e Emprego; Comisión de Termalismo, Turismo e Medio Ambiente, e Comisión de Cultura, Deporte e Mocidade. Cada comisión estará integrada por seis representantes do Grupo Popular, tres do Grupo Socialista, un de Democracia Ourensana e un do BNG.