Manuel Baltar

 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, asinou hoxe luns o decreto de convocatoria para a celebración da sesión plenaria sobre o Estado da Provincia de Ourense que a Corporación Provincial celebrará o vindeiro 14 de novembro. Os grupos políticos do PP, PSOE e BNG terán de prazo ata o día 13 de novembro para presentar as propostas de resolución que se presentarán no plenario.

Este será o primeiro debate sobre o Estado da Provincia de Ourense, unha iniciativa contemplada no Código Ético e de Conduta da institución provincial e coa que a deputación ourensá sobresae na liña da transparencia e da comunicación aberta, directa e activa para que os cidadáns coñezan todo o relativo ao funcionamento, xestión e organización da Deputación de Ourense.

Días pasados, a Xunta de Portavoces do ente provincial validara xa a proposta de Manuel Baltar de celebrar un debate sobre o Estado da Provincia, que rematará coa achega de propostas de resolución por parte dos grupos políticos que conforman o pleno da corporación provincial. O pleno iniciarase cunha intervención por parte do presidente Baltar, seguida dunha quenda de réplica a cargo dos portavoces de BNG, PSOE e PP. A continuación haberá quenda de dúplica do presidente e dos grupos, e rematará o debate coa intervención final do presidente.

Esta é a primeira vez que se celebra un Debate sobre o Estado da Provincia nunha deputación de Galicia, e a Deputación de Ourense é unha das primeiras provincias de España en realizalo. A sesión será retransmitida –ao igual que acontece cos plenos ordinarios- a través de Internet para que poida ser seguida por toda a cidadanía dende calquera lugar e localización.