Cabecera-Diario-Oficial-Galicia_EDIIMA20121201_0107_13O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, anunciou que a partir deste mércores día 2 de setembro as familias poderán solicitar as axudas á compra do material escolar, unha nova liña de apoio que lanza este ano a Xunta de Galicia co fin de facilitar ás galegas e galegos que máis o precisan o inicio do curso escolar.

A convocatoria, que se publicará mañá no Diario Oficial de Galicia (DOG) ten como destinatarios as familias cunha renda per cápita igual ou inferior a 5.400 euros/ano por membro da unidade familiar. Todas elas recibirán un vale de 50 euros por neno, ata chegar a arredor de 60.000 beneficiarios.

As solicitudes tramitaranse nos centros educativos a medida que se vaian presentando. As familias obteñen os vales logo de que se comproben que cumpren cos requisitos fixados na convocatoria e acheguen a documentación que se require. O obxectivo é emitir no menor tempo posible os ‘cheques vales de material’ e que as familias poidan utilizalos canto antes nos establecementos adheridos ao programa de Gratuidade Solidaria.

Banco de libros
Durante a súa intervención o conselleiro salientou que o sistema de axudas para o acceso aos libros de texto que desenvolve a Xunta, que ten por obxectivo axudar ás familias que máis o precisan en función da súa renda, baséase en tres piares: a subvención directa, a través de axudas á compra de manuais, o banco público de libros e o proxecto de materiais curriculares dixitais E-Dixgal.

A este respecto o conselleiro lembrou que este curso 2015/2016 comezará a funcionar tamén o Banco público de libros de texto, nacido en base a unha clara recomendación da Defensora del Pueblo; e que funcionará como complemento ao sistema de axudas á compra de libros de texto.

Neste momento xa se rematou o proceso de recollida de libros en Primaria e continúase con el en Secundaria, debido aos alumnos que teñen que facer os exames de setembro. No referente aos manuais recompilados, recibiuse sen incidencias case o 100% dos libros de 3º e 5º de Primaria adquiridos no curso 2014/2015 con cargo ás axudas concedidas por parte do Goberno autonómico. Xunto cos que xa se recolleron de Secundaria, neste momento xa están a disposición dos centros de ensino preto de 215.000 libros que, en moitos casos, xa foron repartidos entre as familias beneficiarias deste programa da Xunta de Galicia.

Dese total, preto de 5.000 manuais foron achegas adicionais das familias, cuxa solidariedade e colaboración quixo agradecer o conselleiro.

Cómpre lembrar, ademais, que a Xunta proporcionará libros do Fondo Solidario a todos aqueles alumnos pertencente a familias con renda per cápita incluída nos mesmos tramos que as axudas (é dicir, inferior a 9.000 €). Para iso, dende a Consellería instrumentouse o mecanismo que permite facer fronte a estas circunstancias, tramitándose a través dos propios centros educativos que poden xestionar a posible adquisición de manuais destinados a este alumnado.

Axudas e libro dixital
Ademais da xestión do banco público de libros, a Consellería continúa a xestionar a convocatoria de axudas á adquisición de manuais, que este ano superará os 78.000 vales concedidos.

Así mesmo, en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), o proxecto de materiais curriculares dixitais E-Dixgal chegará nos seu segundo curso de funcionamento a arredor de 6.000 alumnas e alumnos de 5ºe 6º de primaria e 1º de ESO de 104 centros de ensino de toda Galicia.