Presentación da Chandrexa Trail

No Pazo provincial tivo lugar hoxe a presentación da carreira de montaña “Chandrexa trail”, proba organizada polo club Running Sport Trail e a Deputación de Ourense co patrocionio do Concello de Chandrexa de Queixa que converterá o vindeiro 12 de xullo a esta contorna do Macizo Central ourensán no punto de encontro para máis de 300 deportistas. O acto de presentación contou coa presenza de Rosendo Fernández, vicepresidente da Deputación de Ourense; Alberto Núñez Estévez, representante do Concello de Chandrexa de Queixa; Diego Martínez, director da carreira, e Bernardino González, asesor de Deportes da institución provincial. Nesta quinta edición da carreira celebraranse tres probas: unha de 33 quilómetros, de gran dificultade técnica, que se correrá pola Serra de Queixa; unha segunda proba de 20 quilómetros, válida para a Copa Junior da especialidade, e unha terceira carreira de 7 quilómetros, dirixida aos deportistas máis xóvenes, válida para a Copa de España.

Rosendo Fernández explicou que este evento deportivo “serve para amosar a fermosura do Macizo Central e para promocionar esta contorna da provincia de Ourense, caracterizada pola súa riqueza natural e paisaxística”, e felicitou aos orgaizadores polo alto nivel de calidade da proba e polo éxito de participación que ano tras ano acada esta carreira”.

A “Chandrexa Trail” forma parte da Copa Galega de Carreiras por montaña e este ano celebra o Campionato Galego e a Copa de España da especialidade. O punto máis alto da carreira sitúase a 1.685 metros, no Alto do Seixo, e o punto máis baixo, 930 metros, xunto ao embalse.