Máis de 220.000 euros para concellos e asociacións da provincia de Ourense

  • A Xunta de Goberno da Deputación aproba axudas por máis de 220.000 euros para concellos e asociacións da provincia de Ourense
Xunta de Goberno 22/04/16

Xunta de Goberno 22/04/16

 

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense celebrada onte no Pazo Provincial aprobou axudas para concellos e asociacións da provincia de Ourense por importe de máis de 220.000 euros, así como, o Plan Anual de Publicacións do ente provincial para o exercicio 2016 e as bases reguladoras para a selección de obras para a súa edición ou coedición pola Deputación de Ourense. Así o informou esta mañá a deputada de Transparencia e Goberno Aberto da Deputación de Ourense, Montserrat Lama, quen deu conta dos acordos da Xunta de Goberno correspondente ao venres 22 de abril.

As axudas de cooperación, por un importe total de 226.763,53 euros, destínanse: 14.948 euros para o Concello de Bande para o equipamento e mellora do salón de actos do concello. Por importe de 25.000 euros, unha axuda ao Concello de Celanova para gastos de mantemento do servizo da Escola Infantil Municipal de Celanova. Para o Concello da Gudiña, dúas axudas, unha por importe de 23.815 euros para obras na vía de acceso do polígono industrial, e outra de 15.000 euros, para gastos da Casa da Viúva. Outra das axudas é para o Concello de Piñor para o arranxo de fontes municipais, por valor de 10.000 euros. Para o Concello de Porqueira, unha axuda de 18.000 euros, para a reforma levada do regadío na Forxa, e para o Concello de San Cibrao das Viñas, unha axuda de 50.000 euros para a construción dun ximnasio en Ponte Noalla.

En canto ás axudas para asociacións, 20.000 euros destínanse á Asociación Musical de Trasmiras, para os gastos da entidade correspondentes ao curso 2015-2016. A Xunta de Goberno aprobou a resolución da convocatoria para a concesión de axudas para gastos de funcionamento das federacións ou agrupacións de asociacións veciñais de Ourense correspondentes ao exercicio 2016, na que se aproba unha axuda á Federación da AAVV Ourense Limiar de 18.171 euros; para a Agrupación de AAVV Miño, unha axuda de 22.988 euros; unha axuda de 1.500 euros para a Federación Provincial de Mulleres Rurais As Burgas; e para a Federación de AAVV de Carballiño, unha axuda de 7.340 euros.

Outro dos asuntos aprobados na reunión foi a expropiación forzosa para a execución da obra de mellora da estrada provincial OU-0415 Brués – Portela da Cruz, no Concello de Boborás.

Plan de Publicacións 2016

A Xunta de Goberno aprobou tamén o Plan de Publicacións 2016 da Deputación de Ourense, que contempla os criterios xerais para a selección e edición de obras ao longo do exercicio, así como, os criterios para a realización de obras en réxime de coedición, a previsión de edicións ou liñas de publicacións concretas, as convocatorias de selección ou encargo de obras previstas, e o custo estimado das accións previstas. En canto á dispoñibilidade orzamentaria para edicións e publicacións, ascende aos 183.000 euros.

As obras seleccionadas mediante concorrencia competitiva, o Plan recolle para a súa selección, atender a criterios de calidade das obras ofertadas e ao seu interese para os fins de divulgación da realidade ourensá e de fomento da cultura propios do Servizo de Publicacións. Pola súa banda, os criterios para realizar obras en réxime de coedición, ademais de os anteriormente citados (calidade e interese), terase en conta tamén a porcentaxe de cofinanciamento ofertada polo potencial coeditor.

Nas bases contémplanse dúas modalidades: edición exclusivamente a cargo da Deputación ou coedición entre o ente provincial e entidades sen ánimo de lucro.

Poderán presentarse obras científicas, artísticas, literarias ou musicais, realizadas en calquera formato ou soporte, que correspondan a calquera das seguintes liñas de publicación: compilacións, escolas ou antoloxías de artigos publicados en xornais locais de Ourense ou en edicións locais de xornais de ámbito máis amplo, ou gravacións ou transcricións escritas de programas radiofónicos locais; obras que teñan por obxecto estudar ou divulgar o patrimonio cultural ou natural de Ourense; estudos históricos, literarios, científicos ou xurídicos relacionados coa provincia de Ourense; ou obras de autores ourensáns de temática libre.

Asemade as obras han de ser exclusivamente orixinais e ser obras concluídas na data de remate do prazo de presentación e solicitudes.

También te podría gustar...