“Macbech. O ruído e a furia” da compañía Estudo Momento

  • Continúa o ciclo de teatro en Monforte hoxe xoves 
  • O Concello de Monforte segue a desenvolver o ciclo de teatro neste primeiro trimestre do ano, cunha nova actuación que terá lugar este xoves día 11 de marzo no Edificio Multiusos a partir das 20.00 horas
  • O prezo da entrada xeral para esta obra será de cinco euros e tres para desempregados, xubilados e estudantes
  • Todas as obras que se celebren neste ciclo de teatro contarán cun protocolo específico de seguridade e hixiene ante o Covid-19. Neste senso, o aforo estará limitado a un máximo de 110 persoas
Actividade Cultural

O teatro segue sendo protagonista da actividade cultural deseñada polo Concello de Monforte no primeiro trimestre do ano 2021, contando coas medidas de seguridade necesarias ante o Covid-19 para a realización de cada unha das actividades programadas.

Deste xeito, dentro da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios correspondente ó primeiro semestre de 2021 en Monforte de Lemos, este xoves 11 de marzo ás 20:00 no Edificio Multiusos terá lugar a posta en escena da terceira das obras previstas para adultos: Macbech. O ruído e a furia, da compañía Estudo Momento. Trátase dunha adaptación en verso, a cargo  de Manuel Lourenzo, da grande traxedia celta de William Shakespeare. A obra está protagonizada polos actores Xoán Carlos Mejuto, Luis Iglesia, Iria Ares, Carlos Sante e David Perdomo.

O prezo da entrada xeral para esta obra será de cinco euros e tres para desempregados, xubilados e estudantes. O aforo máximo do salón é de 110 persoas.  

 
Sinopse

Unha viaxe a chaira escocesa, neboenta e insegura. Tambores de guerra. Berros de barro. Versos de sangue, traizón e morte. Feiticeiras retranqueiras e ministras do fado, manipuladoras dos máis bravos guerreiros. Un tempo eterno e circular do que ninguén volta xamais.

Voltan os tempos escuros. Voltan os tempos de Macbeth.

A seguinte obra do ciclo de teatro para adultos programado polo Equipo de Goberno do Concello de Monforte, sempre que as circunstancias sanitarias o permitan, será Feminíssimas da compañía De Ste Xeito Produccións que terá lugar o xoves 25 de marzo ás 20:15 horas no Edificio Multiusos, sendo o prezo da entrada xeral de cinco euros e de tres euros para estudantes, desempregados e xubilados. Esta obra encádrase dentro do programa de actividades organizado pola Concellería de Muller e Igualdade, arredor do 8 de marzo, Día Internacional da Muller.

 

Protocolo ante o Covid-19

Para o desenvolvemento deste ciclo de teatro que abranguerá de outubro a decembro do presente ano, o Concello de Monforte contará con medidas de seguridade e protección ante o Covid-19:

  • A capacidade do local dependerá da situación sanitaria no momento de cada actuación. Nesta ocasión será dun máximo de 110 persoas, mantendo as correspondentes medidas de distanciamento social.
  • A venda de entradas farase dende unha hora antes da actuación (19:00 h).
  • A entrada ó salón de actos realizarase dende trinta minutos antes do comezo da obra (19:30 h.).
  • Será obrigatorio o uso de máscaras de protección e a utilización da solución hidroalcohólica para as mans.
  • Gardarase a distancia social de seguridade.
  • Non se tomará asento ata que o acomodador lle indique o seu sitio.