image_gallery (1)

 

O libro e a lectura volven ser protagonistas do verán co programa ‘Ler conta moito’ da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, que, durante o verán, ofrecerá un total de 77 actividades en centros da Rede de Bibliotecas de Galicia de 37 municipios galegos, entre as que se inclúen obradoiros creativos, contacontos, espectáculos de danza, teatro e maxia, música e xincanas fotográficas, todas elas destinadas a achegarlle a lectura á cidadanía dun xeito lúdico e participativo.

Coa colaboración dos concellos, este programa de dinamización da lectura, promovido polo departamento da Secretaría Xeral de Cultura, chegará desde mañá e durante o resto do verán ás localidades de Crecente, Cambados, Boqueixón, Tomiño, Poio, Celanova, Salceda de Caselas, Lalín, Irixoa, Coirós, Bóveda, As Pontes de García Rodríguez, Riós, Valga, Carnota, Sober, Santiso, Zas, Tordoia, A Baña, Verín, A Coruña, A Veiga, Bande, Pantón, Carballo, Redondela, Xove, Muxía, Santiago de Compostela, Ribadavia, Esgos, Teo, Cerceda, A Capela e Moaña e mais Ponte Caldelas.

Maxia, música e teatro para gozar da lectura

Con esta programación, mozos e nenos poderán viaxar ao interior dos libros a través do espectáculo ‘Comelibros’, de Matapiollos Teatro; participar en xincanas fotográficas literarias, darlles vida aos personaxes dos contos coa técnica do stop-motion, traballar valores como a convivencia ou a igualdade a través dos contos máxicos de ‘Dada o duende’, experimentar e descubrir coa actividade ‘A ciencia é divertida’ e aprender a escribir con materiais propios da época romana co obradoiro ‘Scripta’.

Con ‘Ler conta moito’, os máis novos tamén terán ocasión de coñecer a vestimenta dos devanceiros e as pezas do traxe tradicional da man de Montse Rivera no obradoiro ‘Contoche un traxe’; de achegarse aos segredos dunha representación teatral co obradoiro de Teatro Buratini, ‘O lapis máxico’; de crear personaxes e mundos imaxinarios no obradoiro ‘Imaxinando minchapas con Pichük, a cargo do ilustrador Manel Cráneo’; ou de iniciarse no manga cun obradoiro de banda deseñada xaponesa.

A maxia tampouco faltará este verán nas bibliotecas que participan no programa, con actividades como ‘Tecnomaxia’, do Mago Richar, e ‘Maxia cómica’, de Leo Leíño. E tamén estará presente a música, a través de propostas como ‘Brinca vaia!’, de Paco Nogueiras, ou ‘Palabras percuDitas’, un espectáculo que combina a narración de historias co ritmo da música de diferentes instrumentos de percusión.

Todas as actividades, de carácter gratuíto, son difundidas a través da rede no blog de Ler conta moitohttp://blogs.xunta.es/lercontamoito/

Máis de 700 actividades en 144 concellos
Desde o pasado mes de marzo e ata final de ano, a terceira edición de ‘Ler conta moito’ programará un total de 711 actividades nas 192 bibliotecas e axencias de lectura que participan nesta iniciativa, pertencentes a 144 concellos das catro provincias galegas. Na Axenda de Cultura de Galicia, en www.cultura.gal, está accesible a información sobre cada unha das actividades que conforman este programa.