III Concurso de Microrrelatos da Rede de Xuderías de España e Programa educativo Benjamín de Sefarad en Monforte

  • O Programa está dirixido a alumnos de 6º de Primaria e 1º da ESO e quere aproveitar a paixón dos mozos e mozas polas viaxes para axudarlles a descubrir máis sobre a influencia da cultura xudía nos nosos días
  • No III Concurso de Microrrelatos poderá participar calquera alumno de sexto de primaria ou primeiro da ESO con obras de non máis de 350 palabras, e ata o 15 de maio de 2021

 

Un ano máis, o Concello de Monforte de Lemos, municipio que pertence á Rede de Xuderías de España, pon en marcha o programa educativo Benjamín de Sefarad, “co obxectivo de estimular a curiosidade dos máis novos sobre a herdanza xudía dos nosos pobos e cidades e para dar a coñecer entre os escolares o legado sefardí das 22 cidades que forman a Rede de Xuderías”, sinala o Alcalde, José Tomé Roca.

O programa que consta dun vídeo educativo, unha exposición virtual e un caderno de traballo con preguntas e respostas, está dirixido a alumnos de 6º de Primaria e 1º da ESO. No día de hoxe, o Alcalde informou por carta a todos os centros educativos da cidade, co obxectivo de animalos a participar neste programa.

Na edición do ano pasado, máis de 500 escolares de toda España participaron no xogo de preguntas e respostas online “Pequenos Descubridores” da Rede de Xuderías, e recibíronse máis de 200 relatos ó II Concurso de Microrrelatos, entre os que houbo premios e unha selección de 25 relatos para a edición dun libro que se pode ler na nosa web.

Este ano, o Rede de Xuderías apoiase na paixón dos mozos e mozas polas viaxes para axudarlles a descubrir máis sobre a influencia da cultura xudía nos nosos días. A través de fabulosos materiais búscase facer reflexionar ós alumnos e alumnas sobre as viaxes do mundo xudeu e sobre as diferentes motivacións que pode levar ó ser humano a emprender unha longa viaxe.

Todos aqueles colexios interesados en recibir os contidos desta campaña ou máis información sobre este programa e como poden levalo a cabo no seu centro educativo, poden poñerse en contacto a través da conta de correo electrónico descubridores@redjuderias.org.

III edición do Concurso de Microrrelatos

Ademais, e por terceiro ano consecutivo, dende o Concello tamén se convoca o III Concurso de Microrrelatos da Rede de Xudarías de España, no que poderá participar calquera alumno de sexto de primaria ou primeiro da ESO.

O obxecto do concurso é dar a coñecer a actividade divulgativa da Rede de Xuderías de España en torno á cultura xudía no ámbito educativo, así como espertar a afección pola escritura, a imaxinación dos alumnos e a súa capacidade para describir as súas experiencias e contorna.

A temática da presente edición é “as viaxes do pobo xudeu” e as diferentes motivacións que provocan comezar unha viaxe. Valorarase que estea inspirado ou relacionado coa identidade, historia e cultura sefardí.

Os textos deberán ser inéditos e estar escritos en castelán, catalán, éuscaro ou galego. A extensión máxima será de 350 palabras (sen contar o título), e os relatos deberán mandarse de maneira individual, en formato .doc, ó correo electrónico concurso@redjuderias.org. Para envialos o prazo límite será ata o 15 de maio de 2021

O xurado para fallar este concurso estará composto pola escritora Espido Freire, por Manena Munar, xornalista e fotógrafa de viaxes, por Johanna Saldón, xornalista e reporteira de televisión, polo xornalista e escritor Clemente Corona, e por Dolores Pérez Frías, Directora da Oficina de Turismo para España e Portugal de Israel.

O xurado seleccionará polo menos as 30 mellores obras que serán publicadas nun libro que editará Rede de Xuderías. A entrega do premio terá lugar nun acto público que organizarán os Concellos de onde procedan os premiados.

Existirán ademais tres premios valorados economicamente con 1.000 euros, 750 euros e 500 euros para o primeiro, segundo e terceiro relatos respectivamente que poderán usar para a realización dunha viaxe polas cidades integradas na Rede.