alberto nunez feijoo preside a reunion do consello da xuntaA secretaria xeral de Igualdade vén de convocar no Diario Oficial de Galicia as bases dos premios do I Concurso “Comunicar en Igualdade”, que ten coma finalidade recoñecer e recompensar os traballos xornalísticos que teñan contribuído á defensa e difusión dos valores da igualdade entre mulleres e homes, así como á loita contra a violencia de xénero.

Esta convocatoria ten coma premisa fundamental premiar as boas prácticas xornalísticas respecto dun tratamento axeitado de asuntos de cobertura informativa diaria como poden ser o sexismo na publicidade, outros modelos de masculinidade, a violencia machista, a trata de seres humanos con fins de explotación sexual, a violencia de xénero en colectivos especialmente vulnerables, a situación da muller nos diferentes ámbitos, así como os temas relacionados en xeral coa perspectiva de xénero e coa desigualdade por razón de xénero.

A difusión pública nos diversos medios de comunicación dos asuntos relacionados coa perspectiva de xénero e coa igualdade por razón de sexo, ten unha importancia decisiva na actualidade no labor de concienciación social sobre esa problemática e sobre a promoción da igualdade como obxectivo irrenunciable da nosa sociedade. Por estas razóns considérase que o órgano competente en materia de igualdade da Xunta de Galicia pode exercer un labor positivo neste sentido mediante a introdución dun estímulo ou incentivo para fomentar a publicación e a investigación sobre esas materias, tanto nos/as profesionais do xornalismo como no alumnado das facultades e escolas universitarias relacionadas con esta profesión.

O xurado estará presidido pola persoa titular da Secretaría Xeral da Igualdade, ou persoa en quen delegue e ademais formarán parte del, tres vogais designados/as pola Secretaría Xeral da Igualdade; tres vogais designados/as polo Consello Asesor de RTVE-Galicia e da CRTVG. Na composición do xurado procurarase unha presenza equilibrada de mulleres e de homes. O prazo de presentación de solicitudes iniciarase hoxe e remata o 30 de setembro de 2015.

Modalidades
O I Concurso “Comunicar en igualdade” convócase para profesionais do xornalismo, outorgándose un premio ao mellor traballo informativo ou serie de pezas publicadas, individual ou colectivamente, baseado en criterios de calidade, esforzo investigador e de sensibilización e axeitado tratamento informativo sobre a igualdade de xénero ou sobre o fenómeno da violencia de xénero.

Os traballos, orixinais e en idioma galego, poderán ser de tipo impreso, dixital ou audiovisual e deberán ter sido publicados ou emitidos entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2014 nalgún medio de comunicación (xornais, radios, televisión ou páxinas web) con influencia no ámbito galego. O premio terá unha dotación económica de 2.000 euros.

A outra modalidade do premio é para o alumnado universitario, e nesta categoría poderán participar calquera alumna ou alumno con matrícula nas facultades galegas de Xornalismo, Comunicación Audiovisual e Publicidade e Relacións Públicas no ano 2014. O premio outorgarase ao mellor traballo baseado en criterios de calidade, esforzo investigador e axeitado tratamento dende a perspectiva de xénero. Os traballos, en idioma galego, poderán ser de tipo impreso, dixital ou audiovisual e aínda que non é condición indispensable que os orixinais teñan sido publicados previamente, o xurado valorará esta circunstancia. O premio terá unha dotación económica de 1.000 euros.