Galicia rexistrou no mes de xullo o incremento máis elevado de viaxeiros aloxados do estado acadando un máximo histórico

image_gallery

 

Segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE) publicados no día de onte, no pasado mes de xullo Galicia experimentou un incremento do 21,1% na cifra de viaxeiros aloxados nos establecementos hoteleiros, rexistrando un total de 561.189, e do 16,8% no caso das pernoitas, rexistrando preto de 1,1 millóns neste sétimo mes do ano. Estas cifras permitiron que a nosa Comunidade acadase un máximo histórico tanto no que atinxe ao volume de viaxeiros aloxados como ás pernoitas.

A nivel estatal rexistrouse tamén un comportamento positivo da demanda hoteleira, con melloras tanto da cifra de viaxeiros aloxados coma das pernoitas que incrementáronse un 7,2% e un 5,9% respectivamente.

Galicia foi a comunidade autónoma que rexistrou a taxa de crecemento de viaxeiros máis elevada do conxunto do Estado, superando en máis de catro puntos o dato de Asturias, segunda comunidade do ránking.

En termos de mercado, o turismo interno da Comunidade -correspondente ao dos residentes en Galicia- incrementou nun 15,9% a cifra de viaxeiros aloxados e nun 12,0% as súas pernoitas. Grazas a estes incrementos, Galicia recuperou o pasado mes de xullo os niveis de turismo interno dos anos previos á crise.

O turismo receptor nacional -aquel que se corresponde cos españois procedentes doutras comunidades autónomas- subiu tamén de forma notable neste mes de xullo, rexistrando un aumento dun 17,2% nas pernoitas e dun 21,4% na cifra de viaxeiros aloxados, acadando un máximo histórico con preto de 285.000.

Pola súa parte, o turismo internacional continuou a senda de crecemento rexistrada nos últimos anos, acadando no pasado mes de xullo máximos históricos tanto de volume -con máis de 150.000 viaxeiros aloxados e 240.000 pernoitas- como de peso dentro da estrutura da demanda –representando o 27,4% do total de viaxeiros e o 22,1% das pernoitas-.

A nivel territorial as catro provincias galegas rexistraron un comportamento positivo da demanda hoteleira, con incrementos de notable intensidade en todas elas, rexistrando Pontevedra un incremento do 19,5%, Ourense do 18%, Lugo do 17% e A Coruña do 14%.

En canto aos niveis de ocupación do sector hoteleiro, Galicia rexistrou tamén unha mellora en relación ao pasado ano, ao incrementarse a mesma en sete puntos porcentuais, situándose na cifra máis elevada dos últimos nove anos e superando, polo tanto, a cifra do último ano Xacobeo 2010.

Tamén as tarifas hoteleiras en Galicia subiron neste sétimo mes do ano, nun 3,9%.

A mellora dos niveis de demanda e ocupación neste mes de xullo, acontecida nun contexto de suba dos prezos hoteleiros, permitiu aos establecementos hoteleiros da comunidade incrementar os niveis de rendibilidade en relación ao mesmo mes de 2014 –o RevPAR subiu un 22,4%-. Neste mes Galicia rexistrou a cuarta taxa de crecemento máis importante de toda España.

Acumulado do ano
No primeiros sete meses do ano Galicia rexistrou un incremento da cifra de viaxeiros aloxados nos establecementos hoteleiros da comunidade do 14,6% en relación ao pasado ano, rexistrando máis de 2,1 millóns. Melloraron tamén as pernoitas incrementándose un 10,2% neste caso e rexistrando preto de 4 millóns neste período.

É o segundo ano consecutivo no que a nosa comunidade rexistra un incremento da demanda neste período de sete meses, circunstancia que leva a que Galicia rexistre no acumulado de 2015 un máximo histórico de viaxeiros aloxados superando nun 6% a cifra do último Xacobeo 2010. Así mesmo, en termos de pernoitas Galicia acadou neste período a cifra máis elevada dos últimos cinco anos.

A nivel estatal rexistrouse tamén unha mellora dos niveis de demanda hoteleira, do 6,0% no relativo á cifra de viaxeiros aloxados e do 3,9% no que atinxe ás pernoitas. En termos de viaxeiros, Galicia rexistrou a porcentaxe de crecemento máis elevada do conxunto do Estado.

O turismo interno incrementouse neste sete primeiros meses do ano nun 3,8% as súas pernoctacións e nun 9,7% os seus viaxeiros aloxados.

O turismo receptor nacional incrementou tamén, nun 11,6% as pernoitas e nun 14,0% os viaxeiros, mentres que o internacional subiu un 15,2% as súas pernoitas e un 20,5% os viaxeiros aloxados.

O notable incremento do turismo internacional levou consigo que este mercado acadase un máximo histórico tanto de volume –con máis de 620.000 viaxeiros aloxados e 960.000 pernoitas- como de peso no conxunto da demanda –supoñendo o 28,9% dos viaxeiros e o 24,5% das pernoitas-.

Como consecuencia da mellora dos volumes de demanda os niveis de ocupación do sector hoteleiro en Galicia melloraron en relación ao pasado ano, en máis de tres puntos porcentuais, ata situarse na cifra máis elevada dos últimos cinco anos.