image_gallery

 

Segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE) publicados no día de onte, no pasado mes de xullo Galicia rexistrou un incremento do seu volume de viaxeiros aloxados nos establecementos regrados da Comunidade do 19%, en relación ao mesmo período do ano anterior, ata situarse en 670.302. Subiron tamén no pasado mes as pernoitas en relación ao mes de xullo de 2014 nun 14,3%, contabilizándose 1.496.707 no conxunto de Galicia.

Estes incrementos rexistrados no mes de xullo colocan os niveis de demanda turística regrada deste ano en máximos históricos tanto no que atinxe aos viaxeiros aloxados como ás pernoitas, superando nun 4,5% o volume de noites do ano Xacobeo 2010.

A nivel estatal obsérvase tamén un crecemento xeneralizado dos niveis da demanda turística regrada aínda que nunha porcentaxe inferior á de Galicia, do 7,6% no relativo á cifra de viaxeiros aloxados e do 6,4% no que atinxe ás pernoitas. En termos de viaxeiros, a Comunidade galega lidera o crecemento a nivel estatal.

O incremento da demanda produciuse polo bo comportamento dos dous grandes segmentos de mercado. O mercado nacional en Galicia subiu un 13,4% no tocante as pernoitas e un 17,3% no que atinxe aos viaxeiros, superando a cifra dos 490.000 viaxeiros aloxados, un máximo histórico na nosa comunidade.

O incremento das pernoitas do turismo nacional produciuse nas dúas grandes tipoloxías de aloxamento regrado. En particular, subiu un 15,7% nos establecementos hoteleiros e un 8% nos extrahoteleiros.

Pola súa parte, o mercado internacional acadou un forte crecemento alcanzando máximos históricos tanto de volume, con preto de 178.000 viaxeiros aloxados e case 300.000 pernoitas, como de peso no conxunto da demanda, representando o 26,5% dos viaxeiros e o 19,7% das pernoitas. Deste xeito, os viaxeiros estranxeiros creceron un 24,4% e as pernoitas nun 18,3%.