Galicia recibirá 113,8 millóns de euros para políticas activas de emprego, un 14 por cento máis que no exercicio anterior

image_gallery

 

A Consellería de Traballo e Benestar recibirá este ano do Estado un total de 113,8 millóns para financiar a execución de políticas activas de emprego, o que supón ao redor dun 14 por cento máis do que se lle asignara no exercicio anterior.

Así o explicou onte a titular deste departamento autonómico, Beatriz Mato, tras participar en Madrid na Conferencia sectorial de emprego, un encontro no que se formalizou a distribución destes fondos, ao tempo que se abordaron outros asuntos de interese do eido laboral.

Este ano os criterios de reparto volveron incluír o cumprimento de obxectivos nas políticas de emprego por parte das comunidades autónomas. De feito, a porcentaxe que supón este indicador aumentou do 40 ao 60 por cento. “Desde Galicia apoiamos plenamente este reparto, porque representa o modelo máis eficiente e transparente, e premia as boas prácticas das autonomías en materia de emprego”, subliñou a conselleira.

Na xuntanza, Mato presentou tamén o Plan anual de políticas activas de emprego galego, ao igual que o resto das autonomías. Sinalou que Galicia é a comunidade que máis programas ten incluído na súa planificación, un total de 88, o que supón un 20 por cento das 442 iniciativas que se presentaron desde todas as comunidades. É dicir, “un de cada cinco programas para o emprego das comunidades autónomas en 2015 desenvolveranse en Galicia”. Ademais, a conselleira fixo fincapé en que isto tamén supón que o Goberno galego se está marcando “maiores retos” nas políticas activas de emprego.

Ademais da distribución de fondos e presentación das planificacións para este ano, na reunión tamén se abordaron, entre outros asuntos, as actuacións que tanto Estado como autonomías están a desenvolver no marco dos programas Activa e Garantía Xuvenil.

Activa e Garantía Xuvenil
Cabe lembrar que Galicia foi a primeira comunidade autónoma en poñer en marcha medidas complementarias para o programa Activa para parados de longa duración con cargas familiares. A planificación propia galega inclúe 6 medidas, un orzamento de 10 millóns de euros, e está dirixida a uns 20.000 beneficiarios potenciais. Garantía Xuvenil, pola súa banda, destínase a menores de 25 anos que nin estudan nin traballan. Ten un orzamento de 48 millóns de euros para a execución de 9 medidas e os beneficiarios potenciais chegan aos 30.000. Actualmente, xa están en marcha diversas actuacións de ambos programas, mentres que as restantes estarán operativas, na súa totalidade, antes do verán.

Por último, outro dos principais puntos que se tratou foi a proposta de Galicia como sede dun seminario de boas prácticas no campo do recoñecemento da experiencia profesional. A xuízo de Mato, “isto vén a recoñecer a aposta realizada desde a Xunta para acadar a acreditación oficial da experiencia dos traballadores galegos”.

Ata agora, téñense realizado sete convocatorias de acreditación desde marzo de 2011, con 10.000 prazas para distintas especialidades. Grazas a estas iniciativas, 5.000 persoas conseguiron xa o seu certificado completo.

“Imos seguir traballando de forma continua en novas convocatorias para que os profesionais galegos que levan moito tempo exercendo o seu traballo poidan obter un certificado oficial que acredite a súa preparación e experiencia”, rematou Mato.

También te podría gustar...