Galicia mostrará a súa oferta de natureza e turismo activo na feira máis importante do sur de Alemaña

La Xunta promueve el turismo de naturaleza gallego en la feria INTUR de Valladolid

Turismo de Galicia viaxará desde hoxe ata o próximo 22 de febreiro ao sur de Alemaña para participar na feira Free que celebrase na cidade de Múnic.

Deste xeito, a oferta turística global da Comunidade galega estará presente no evento de promoción de turismo e lecer máis importante do sur de Alemaña, que se celebra cada ano desde hai 42 edicións.

Turismo de Galicia fará especial énfase en aqueles recursos e produtos de especial interese para o mercado alemán, como é o Camiño de Santiago e o resto de experiencias turísticas relacionadas coa natureza que ofrece Galicia, como Paseando entre Viñedos, Manantiais de Galicia, Turismo Mariñeiro, Santuarios Máxicos, Faros e Praias Salvaxes, a Ruta da Camelia, Bosques de Galicia, Patrimonio Oculto e Lugares Únicos, entre outras.

O gran interese do mercado alemán por estes recursos nos que a nosa Comunidade ofrece un amplo abanico de posibilidades fan desta feira unha plataforma perfecta par promover Galicia como destino turístico.

Tamén neste mes de febreiro Turismo de Galicia participará no certame turístico Navartur, en Navarra; na feira dedicada aos deportes en contacto coa natureza Fiets en Wandelbeurs, en Amberes (Bélxica); e no workshop The Meeting Space Spring, en Cannes (Francia).

Os turistas alemáns incrementáronse no 2014 nun 14,5%

A participación neste certame turístico permitirá influír no mercado turístico alemán, o segundo mercado internacional máis importante para a Comunidade galega, ao representar o 11,8% do total dos turistas estranxeiros que se aloxaron en establecementos regrados de Galicia o pasado ano.

Os alemáns situáronse no segundo lugar despois dos portugueses canto á ocupación hoteleira en Galicia en 2014, segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística. A cifra de alemáns aloxados nos establecementos turísticos galegos superou o pasado ano os 125 mil, incrementándose nun 14,5% en relación ao ano 2013.

Máis de 16 mil peregrinos alemáns fixeron o Camiño no 2014
Nesta edición, Turismo de Galicia fará especial fincapé na promoción do Camiño de Santiago entre os cidadáns alemáns, xa que un total de 16.347 peregrinos desta nacionalidade fixeron a Ruta Xacobea o pasado ano, o que supuxo o 6,87% do total de peregrinos que chegaron a Compostela.

Alemaña ocupou así o lugar número 3 no ránking de países de chegada de peregrinos á Oficina de Acollida de Santiago de Compostela, tras España e Italia. Nos últimos anos, Alemaña era o país do que acudían máis peregrinos estranxeiros pero no pasado ano, por primeira vez, os peregrinos procedentes de Italia superaron aos alemáns, feito que probablemente foi debido á celebración do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago de Compostela.

También te podría gustar...