Galicia marca un máximo histórico con máis de 186.000 turistas estranxeiros no primeiro trimestre do ano
Segundo os datos da Enquisa de Movementos Turísticos en Fronteiras (FRONTUR) publicados no día de hoxe, no pasado mes de marzo rexistráronse 68.504 turistas estranxeiros con destino principal Galicia, cifra que supón un incremento do 7,9% en relación ao mesmo período do pasado ano 2014.
Segundo os datos publicados por FRONTUR, Portugal, co 61,4% dos turistas estranxeiros, foi o principal mercado internacional neste terceiro mes do ano. Ao mercado portugués séguenlle en orde de importancia Reino Unido, co 9,4%, e Francia, co 7,8%.
En termos dinámicos, compre destacar o incremento dos turistas que chegaron a nosa comunidade procedentes de Portugal no pasado mes de marzo que foi do 7,6%.
A nivel estatal rexistrouse tamén un incremento da cifra de turistas estranxeiros, do 6,7% neste caso, superando os 4,1 millóns de turistas internacionais neste terceiro mes do ano. Galicia superou deste xeito o crecemento rexistrado a nivel estatal en máis dun punto porcentual.
En canto ao excursionismo internacional, Galicia recibiu un total de 234.282 excursionistas estranxeiros ao longo do pasado mes. Portugal foi o principal mercado do excursionismo rexistrado en Galicia, supoñendo no pasado mes o 95% das entradas dun só día na nosa comunidade.
Máis de 186.000 turistas estranxeiros elixiron Galicia no primeiro trimestre do ano
En canto ao acumulado do ano, segundo FRONTUR, no primeiro trimestre deste ano 2015 Galicia recibiu máis de 186 mil turistas estranxeiros -186.877-, cifra que supón un máximo histórico na comunidade. A nosa comunidade superou neste primeiro trimestre do ano nun 10% a cifra do mesmo período do pasado ano 2014.
Segundo FRONTUR, Portugal, co 59,5% dos turistas estranxeiros, foi o principal mercado internacional en Galicia neste primeiro trimestre do ano. Seguen en orde de importancia Reino Unido, co 10,2%, e Francia, co 8,3% neste caso. En termos dinámicos resulta moi relevante o crecemento rexistrado polo mercado portugués que neste primeiro trimestre presentou un incremento superior ao 20% na súa cifra de turistas.
A nivel estatal produciuse tamén un incremento da cifra de turistas estranxeiros neste primeiro trimestre do ano superándose os 10,5 millóns. Neste caso o incremento foi de 5,3% case 5 puntos porcentuais por debaixo do crecemento rexistrado na nosa comunidade.
En canto ao excursionismo internacional, Galicia recibiu un total de 720.625 excursionistas estranxeiro no primeiro trimestre do ano. Portugal foi o principal mercado do excursionismo rexistrado en Galicia, supoñendo tamén nos tres primeiros meses do ano o 95% das entradas dun só día na nosa comunidade.