Folgoso: Orzamentos 2021, ascenden a 1.549.444,91 euros

 

  • Se reforza a contía destinada a gasto social
  • Recollen unha nova liña de axudas para o transporte dos maiores con poucos ingresos
  • Faranse actuacións en materia turística, acondicionaranse as estradas municipais e manteranse as subvencións á colexio, á ANPA, apoio á natalidade, emerxencia social, transporte de estudantes e material escolar

 

Gasto Social

O Concello de Folgoso do Courel vén de aprobar os Orzamentos municipais para o 2021 que ascenden a 1.549.444,91 euros e nos que se reforza a contía destinada a gasto social e os investimentos reais.

En concreto, o gasto social absorbe un cuarto do Orzamento municipal para atender todos os programas sociais, o servizo de axuda a domicilio nas súas dúas modalidades, o programa Xantar na Casa, así como os gastos derivados dos mesmos (auxiliares, traballadora social, desprazamentos, etc).

O Goberno local manterá en 2021 as axudas que concedeu o pasado ano, ao que se engadirá unha nova para o transporte dos maiores con poucos ingresos. Desde o Concello de Folgoso do Courel desenvolveranse unhas bases para que, unha vez aprobados os Orzamentos, os maiores que o precisen poidan solicitar estas subvencións.

Mantéñense ademais as subvencións para o CEIP Poeta Uxío Novoneyra, a ANPA, as axudas para a adquisición de libros e material escolar, de apoio á natalidade, transporte e tamén para emerxencia social.

Construción dun novo miradoiro

En materia de turismo, séguese apostando polo obradoiro de emprego, que, entre outros cometidos, está a recuperar a alvariza de Santa Eufemia. O Goberno local proxecta unha área de autocaravas na mesma zona e a construción dun miradoiro no Alto do Boi para as persoas con mobilidade reducida. Tamén se seguirá traballando na rede de itinerarios tras a adhesión á Red de Instalaciones Permanentes de Trail Running de España co obxectivo de promocionar actividades saudables e reactivar o turismo deportivo especializado.

Investimentos reais

O Goberno local dedica a investimentos reais 250.000 euros que se destinarán a diversas obras, así como á mellora de accesos e camiños rurais. Unha das actuacións que recollen os Orzamentos e a adecuación de accesos e a contorna da igrexa de Esperante.

A estas actuacións súmase a pavimentación e rúas e rexeneración de estradas en Seceda, Miraz, Parada, Eiriz ou Noceda, entre outras. As contas tamén recollen a adquisición dun vehículo dumper.

A rexedora, Lola Castro, explica que o Goberno local pretende

ter as estradas do Concello en perfectas condicións para o que xa empezamos a botar aglomerado nas estradas municipais.

Os Orzamentos para o 2021 saíron adiante cos votos a favor do equipo de Goberno e coa abstención de Courel Vivo e PSOE.

 

También te podría gustar...