Alberto Nœ–ez Feij—o comparecer‡ en rolda de prensa para dar conta dos asuntos tratados na reuni—n do Consello.

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe que a Xunta acometerá un conxunto de actuacións no Camiño Primitivo e no Camiño do Norte logo de que fosen declarados a pasada fin de semana Patrimonio da Humanidade pola Unesco. Segundo explicou, estes traballos teñen como finalidade reforzar a rede de albergues, mellorar os servizos aos peregrinos, acondicionar o estado das rutas, impulsar a promoción destes camiños e afondar na coordinación entre as administracións e institucións implicadas.

O mandatario galego manifestou que a declaración da Unesco é “unha gran nova” para o conxunto de Galicia e, sobre todo, para os 25 concellos polos que pasan estes camiños. Pero indicou, tamén, que é “unha gran responsabilidade” que require “estar á altura” do que significa ser Patrimonio Mundial da Humanidade, e ter a capacidade para responder ao incremento de peregrinos nestas rutas.

Ao respecto, salientou que este incremento xa se está rexistrando no que vai de ano, e que previsiblemente pode seguir aumentando. De feito, indicou que o Camiño Primitivo acolleu en 2015 un total de 3.808 peregrinos (un 3,76% máis) e o Camiño do Norte suma xa neste ano 4.634 peregrinos (un 4,57%).

Ampliar a rede de albergues e as súas infraestruturas
Así, o titular da Xunta explicou que as actuacións previstas no tocante á rede de albergues inclúen a apertura dun novo establecemento no núcleo histórico do concello da Fonsagrada, co obxectivo de duplicar a oferta de prazas na localidade e mellorar os servizos na ruta. E indicou que se edificará tamén un novo albergue na zona de Friol.

Sobre os servizos aos peregrinos, sinalou que estas rutas veranse beneficiadas polo Plan de dotación de cabinas para os albergueiros, como sucederá, por exemplo, no albergue de Baamonde. Dotarase de conexión wifi os albergues dos Camiños do Norte ao abeiro do Plan smart turismo; e, do mesmo xeito, desenvolveranse medidas de mellora noutros eidos de interese para os peregrinos. Por exemplo, a recuperación de fontes de auga potable, o reforzamento da asistencia sanitaria ou a ampliación da oferta de actividades culturais e didácticas.

Para o acondicionamento dos camiños, as primeiras medidas que a Xunta acometerá serán precisamente no Camiño do Norte e no Primitivo, tanto neste 2015 como ao longo do 2016. Trátase, de actuacións como a limpeza das marxes; a mellora da sinalización para adaptala ás delimitacións recentemente aprobadas, ou á seguridade viaria, para o que o Goberno galego traballa co Ministerio de Fomento.

2016: Ano do Camiño Primitivo e do Norte
O cuarto ámbito de traballo está relacionado coa promoción e, nesta liña, adiantou que aproveitando a declaración como Patrimonio da Humanidade dos Camiños do Norte peninsular, o vindeiro 2016 será o Ano do Camiño Primitivo e do Norte.

E, finalmente, Feijóo apuntou á necesidade de afondar na coordinación co resto de administracións, para o que está prevista a creación dunha mesa de traballo cos concellos polos que pasan estas rutas, así como coa Deputación de Lugo. Igualmente, buscarase a coordinación coas institucións eclesiásticas para a apertura das igrexas; coas asociacións de Amigos do Camiño e con outras autonomías polas que pasa o trazado destas rutas a través de programas conxuntos como A España Verde e o Consello Xacobeo.

Son en definitiva, concluíu Feijóo, un conxunto de actuacións que permitirán sacar todo o proveito aos Camiños Primitivo e do Norte, que “están chamados a ser un recurso turístico e cultural” cada vez con máis peso na estratexia xacobea; e que, ademais, deben estar nas mellores condicións posibles para estar á altura do recoñecemento que recibiron esta fin de semana.

Plan director dos Camiños de Santiago 2015-2021
O mandatario galego agregou que a Xunta traballa actualmente no Plan director dos Camiños de Santiago 2015-2021. E destacou que estes traballos súmanse ás intervencións que vén realizando, por exemplo, en colaboración cos concellos para a limpeza e mantemento do Camiño, cun investimento de preto de 239.0000 euros ao ano. Tamén nos servizos de atención ao peregrino, que se concreta en oito albergues no Camiño do Norte e seis no Camiño Primitivo. Ou nos 12 millóns de euros investidos desde Patrimonio nos últimos anos para a conservación das distintas mostras de riqueza cultural que alberga o Camiño.