sinatura.convenio.deputacion.chms.concello.cenlle.03


Esta mañán foi a sinatura do convenio de colaboración entre a Deputación, a CHMS e o Concello de Cenlle

As obras de saneamento en Laias contribúen á mellora medioambiental e termal desta contorna en Cenlle

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, o presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Francisco Marín, e o alcalde de Cenlle, Gabriel Alén, asinaron hoxe o protocolo para o proxecto de mellora de saneamento de Laias e recuperación do regato de Regueiro. O acto, que estivo presidido polo delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva, tivo lugar no Centro sociocultural San Trocado (Casa do Pobo), en Laias (Cenlle).

O investimento da obra ascende a 350.000 €, sufragados ao 80% con cargo aos fondos da CHMS e ao 20% por parte da Deputación de Ourense e do Concello de Cenlle, quen porá a disposición os terreos, bens e dereitos necesarios para a execución do proxecto de obras, as súas modificacións e posibles obras complementarias.

Manuel Baltar destacou a importancia destas obras que contribúen a mellorar as infraestruturas nun concello no que destaca a súa oferta termal, “un termalismo que é precisamente unha das liñas prioritarias do goberno provincial pois promove unhas das grandes singularidades da provincia de Ourense como é o turismo de ocio e saúde ao redor do ámbito termal”. Baltar agradeceu ao alcalde de Cenlle a súa proposta para o saneamento de Laias e ao presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil a colaboración que amosa “para desenvolver proxectos conxuntos a prol da mellora medioambiental da provincia de Ourense”, e dixo que as palabras “cooperación” e “termalismo” “únense nesta iniciativa de Laias que encaixa perfectamente co espírito do Plan “Ourense, a provincia termal”, un plan no que se contemplan accións de promoción do termalismo para atraer a Ourense visitantes de 40 cidades de España implementando melloras de xestión e tramitación de solicitudes que se poden realizar en cinco minutos a través da administración electrónica”.

En canto ás características do proxecto, a parroquia de Laias (Cenlle) conta na actualidade cun sistema de saneamento con trazado paralelo e en ocasións superposto co río Miño e o regato Regueiro. Esta circunstancia, unida ao deficiente estado de conservación das conducións de saneamento existentes, está a provocar importantes sobrecargas do sistema de depuración da parroquia, así como filtracións que provocan contaminación por augas residuais.

 

Para dar solución á problemática detectada, proxectouse a execución dun novo colector de saneamento de algo máis dun quilómetro de lonxitude que permita a separación total das augas residuais das pluviais. Así mesmo, procederase a descubrir a canle do regato e recuperar a servidume de tránsito deste para uso público e executarase unha senda de máis de 200 metros de lonxitude para dar continuidade ao paseo existente.

 

O inicio destes traballos, que beneficiarán a máis de 200 habitantes, está previsto para o segundo semestre do ano e executarase en 4 meses.