Entrega do premio da iniciativa Máis que comercio! que se desenvolveu no Centro Comercial Aberto do Couto

CCA Couto. Premios

Os participantes na iniciativa da Consellería de Economía e Industria Centros Comerciais Abertos. Máis que comercio!, que se desenvolveu durante todo o mes de setembro nos negocios asociados ao Centro Comercial Aberto do Couto, na cidade de Ourense, elixiron como o seu establecemento favorito a Xoiería Prada.

Este negocio, un taller de xoiería e reloxería que se dedica tanto a venta de artigos de regalo, prata e ouro,  como a reparación de xoias e reloxos  e que leva implantado no barrio ourensán do Couto dende os anos 80, foi o que máis clicks recibiu en www.maisquecomercio.com, web na que os clientes podían participar nun xogo en liña por cada 5€ de compra e optar a diferentes premios ao tempo que elixían o seu comercio preferido.

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez,  foi o encargado xunto coa vicepresidenta deste CCA, Carmen Vázquez, de entregar o diploma ao establecemento máis votado nun acto no que tamén se entregaron os agasallos (un cheque por valor de 200 euros e outro por valor de 100 euros) aos clientes gañadores. Ao acto tamén asistiu o presidente da Federación de Comercio de Ourense, Aurelio Gómez.

Martínez salientou que Máis que Comercio! se centra en destacar o traballo dos centros comerciais abertos, unha fórmula que permite, desde o asociacionismo, o desenvolvemento de estratexias para a posta en valor da ampla oferta comercial coa que contan as vilas e cidades galegas, en cuxas rúas comparten espazo coas tendas a hostelería e todo tipo de servizos. Do mesmo xeito, resáltanse os valores do comercio de proximidade, como son a calidade, o trato ao cliente ou a variedade. Esta iniciativa, que no CCA O Couto rexistrou máis de 3.800 participacións de usuarios dos 70 comercios que se sumaron á campaña, está a percorrer Galicia durante todo o ano.

Rogelio Martínez lembrou que o impulso ao asociacionismo é un dos eixos da estratexia específica da Consellería de Economía e Industria de apoio ao comercio de proximidade, dentro da cal se inclúe o programa de axudas ás asociacións de comerciantes para a dinamización dos centros comerciais abertos e prazas de abastos, nas cales o CCA de O Couto resultou beneficiado con apoios por 33.000 euros.

CCA Couto Premios (1)

También te podría gustar...