O director xeral do Igape, Javier Aguilera, e o secretario de Estado da Casa Civil do Goberno de Río de Janeiro, Leonardo Espíndola

O director xeral do Igape, Javier Aguilera á dereita

 

O director xeral do Igape, Javier Aguilera, presentou hoxe nunha xornada técnica en Ourense as novas axudas convocadas no arranque de 2015 pola Consellería de Economía e Industria en apoio do tecido empresarial, e resaltou que estes apoios servirán para apuntalar a competitividade, o investimento e a internacionalización do tecido económico. Neste senso, Aguilera subliñou que estas axudas, que suman 6,5 millóns de euros, terán especial intensidade na provincia.

Durante o encontro, desenvolvido en colaboración coa Confederación Empresarial de Ourense, Aguilera resaltou que o obxectivo é procurar que os emprendedores e as pemes dispoñan, desde o primeiro momento do ano, de instrumentos e axudas adecuadas para impulsar os seus proxectos empresariais e poidan contribuír así á reactivación do tecido produtivo galego, reforzando ademais o traballo de cara á consecución da Industria 4.0, que se fixa como obxectivo na Axenda da Competitividade Industrial Galega.

Entre os programas postos en marcha para 2015, resaltou o destinado a apoiar a pemes que aposten por renovar os seus equipos produtivos para mellorar a súa competitividade, unha iniciativa que mobilizará preto de 10 millóns de euros. No caso da provincia de Ourense, os beneficiarios contarán con subvencións un 5% superiores ás que lles corresponderían aos mesmos proxectos se fosen desenvolvidos noutras zonas de Galicia. Do mesmo xeito, os novos emprendedores da provincia que desexen poñer en marcha un novo proxecto ou que invistan para consolidalo, terán igualmente acceso a subvencións un cinco por cento superiores ao amparo da nova convocatoria do programa Galicia Emprende.

No eido da internacionalización, as empresas de Ourense tamén poderán acadar subvencións un 5% superiores ás da maioría das comarcas, ao abeiro da convocatoria para facilitar a contratación de xestores expertos en comercio exterior. Ademais, no ámbito do comercio exterior, o Igape vén de convocar apoios para que as empresas do sector téxtil desenvolvan as súas estratexias de promoción e internacionalización.

Por outra parte, o Igape vén de poñer en marcha ademais, por primeira vez, un programa para incentivar a formación de capital humano favorecendo a cooperación e o aproveitamento de sinerxías entre varias pemes, no marco de proxectos promovidos por organismos intermedios empresariais, con preferencia para centros tecnolóxicos.

Por último, Aguilera resaltou a convocatoria das bolsas do programa ReAcciona, que permitirá a 100 novos titulados obter formación práctica especializada colaborando na implantación dos proxectos de mellora que se impulsarán en 2015 en máis de 300 empresas.