Economía e Industria achega ás empresas ourensáns a mellora das condicións dos Préstamos Jeremie para impulsar investimentos

Rogelio Martínez_03

 

O delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Rogelio Martínez, e a secretaria xeral do Igape, Covadonga Toca, participaron onte na xornada técnica desenvolvida na sede da CEO co obxectivo de achegar ás empresas da provincia de Ourense as novas condicións melloradas dos préstamos Jeremie, publicadas no DOG recentemente.

Na procura de impulsar un maior número de proxectos de investimento empresarial, o Igape vén de ampliar os prazos de amortización ata os 11 anos ao tempo que rebaixa os tipos de xuro aplicables, sempre de carácter fixo, que estarán por baixo do euríbor + 0,4%. De acordo cos cambios das bases reguladoras, o Igape flexibiliza ademais os requisitos para financiar proxectos impulsados tamén por autónomos, sociedades civís ou comunidades de bens.

Rogelio Martínez salientou que, coas novas condicións en vigor, os préstamos Jeremie-Igape ofrecen condicións máis favorables para apoiar novos investimentos e constitúen un instrumento fundamental para consolidar o crecemento da actividade empresarial, no marco da Axenda da competitividade-Galicia Industria 4.0.

Os préstamos concedidos ao abeiro das novas bases da liña Jeremie-Igape, fornecidos con fondos europeos, poderán estar comprendidos entre 49.000 euros ata 1,8 millóns de euros (o importe estaba antes entre 70.000 euros e un millón) e financiarán ata o 70% dos proxectos, que poden consistir en novos investimentos, ampliación de instalacións existentes ou diversificación da produción para ofrecer novos produtos.

Os xuros dos préstamos, fixos, determinaranse no momento da concesión para toda a vida do préstamo, tomando como referencia o prezo do euríbor a un ano e sumando un xuro adicional que será de só o 0,1% para operacións de ata 840.000 euros ou para os tramos das garantidas mediante aval bancario ou dunha sociedade de garantía recíproca. Para préstamos de superior contía, o xuro final efectivo establécese en dous tramos: euríbor máis 0,2 para as contías comprendidas entre os 840.000 e 1.400.000 euros, e un diferencial do 0,5% para os tramos do préstamo comprendido entre 1,4 e 1,8 millóns de euros. O xuro final resultante será a media ponderada en función do importe de cada operación.

A presentación de solicitudes ao abeiro desta liña de préstamos directos mellorada estará aberta ata o próximo 30 de setembro. As melloras que veñen de publicarse poderán beneficiar  tamén ás empresas beneficiarias de préstamos Igape-Jeremie concedidos con anterioridade á modificación das bases que vén de entrar en vigor, poderán presentar unha solicitude de modificación das operacións para beneficiarse das novas condicións.

Mediante os préstamos Jeremie-Igape poden financiarse tanto os activos fixos materiais asociados ao proxecto de investimento –terreos, obra civil, adquisición de inmobles, bens de equipamento ou mobiliarios– como os activos intanxibles necesarios: aplicacións informáticas, propiedade intelectual e industrial, licencias de fabricación ou gastos en I+D ligados a proxectos de innovación tecnolóxica. De acordo coas bases modificadas, tamén pode financiarse o imposto sobre o valor engadido cando este non poida ser obxecto de recuperación ou compensación pola empresa beneficiaria do préstamo.