Economía e Industria achega ás empresas de Ourense as liñas financeiras do programa Galicia 1000

xunta de galiciaSegún indica hoxe a Xunta, a Consellería de Economía e Industria achegará ás empresas ourensás información detallada sobre os préstamos Jeremie e sobre as diferentes axudas financeiras habilitadas no marco do programa Galicia 1000 para facilitar os novos investimentos, a modernización de instalacións produtivas –con préstamos directos ou bonificados– ou o funcionamento operativo mediante a achega de circulante.

Técnicos do Igape participarán o próximo xoves, día 18 de setembro, nunha xornada técnica promovida por Sogarpo e a Confederación Empresarial de Ourense que se desenvolverá, a partir das 19 horas, na sede da propia CEO (Praza das Damas, 1), co obxectivo de informar aos empresarios sobre todo o abano de axudas á súa disposición. A xornada incluirá un relatorio de Sogarpo sobre as liñas de financiamento habilitadas mediante convenio entre o Igape, as sociedades de garantía recíproca e as entidades financeiras.

Ao amparo da nova liña de préstamos Jeremie, as microempresas e pemes de Ourense que impulsen novos investimentos empresariais poden contar con préstamos directos comprendidos entre 70.000 e 1.050.000 euros para financiar ata o 70% dos seus investimentos. Os prazos de amortización destes préstamos xestionados polo Igape serán de ata 7 anos, con xuros fixos que se calcularán sumándolle ao euríbor un tipo adicional que oscilará entre +0,75 e +3%, en función do importe do préstamo. As bonificacións previstas farán posible que os tipos efectivos resultantes poidan ser inferiores ao 1,3%.

Mediante esta liña de préstamos directos prevese a mobilización de polo menos 15 millóns de euros en investimentos no tecido empresarial galego. A través desta nova liña para o financiamento de investimentos concederanse préstamos a pemes ou microempresas tanto para novas instalacións produtivas como para actuacións destinadas a ampliar, modernizar ou diversificar instalacións xa existentes.

Os préstamos Jeremie constitúen unha das liñas máis destacables do programa de financiamento empresarial Galicia 1000, dotado con 50 millóns de euros e co que a Xunta apoiará 1.000 novos proxectos empresariais, mobilizando arredor de 200 millóns en investimentos e dando resposta axeitada ás distintas necesidades das empresas.

O programa Galicia 1000 incorpora ademais instrumentos como o capital risco, préstamos participativos, microcréditos e préstamos bancarios –con fondos ICO– bonificados para investimentos, préstamos avalados e garantías para o financiamento de circulante paras as empresas que o precisen.

También te podría gustar...