Dez anos de cultura e tradición co Festival Internacional Rebulir

  • A Deputación de Ourense coorganiza este evento cultural que se celebrará entre os días 18 e 20 de decembro

0 RF X FIR

 

Na sala de xuntas do Pazo Provincial da Deputación de Ourense, tivo lugar esta mañá a presentación da décima edición do Festival Internacional Rebulir que se celebrará os días 18 e 20 de decembro. No acto estivo presente o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o asesor de cultura da Deputación, Aurelio Gómez Villar; a directora xeral de Xuventude e Voluntariado, Cecilia Vázquez; a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz; o alcalde de Ramirás, Carlos Rodríguez; e o director artístico do Festival, Alexandre Sotelino.

O Festival Internacional Rebulir que organiza a Asociación Cultural Rebulir xunto coa Deputación de Ourense e o Concello de Ramirás e que conta coa colaboración da Secretaría Xeral de Cultura da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia e outras entidades públicas e privadas, é xa un referente pois «dende hai anos son os grupos os que se ofrecen para vir e non somos nós os que temos que ir buscalos», asegurou Alexandre Sotelino.

Rosendo Fernández agradeceu a colaboración das institucións públicas e do sector privado que conseguen que «estes eventos teñan cabida e que a cultura chegue máis alá da capital da provincia», e engadiu, «o epicentro das actividades do Festival está no Concello de Ramirás, pero tamén se desenvolveran noutras zonas próximas».

O director artístico do Festival destacou que nesta décima edición «como novidade ampliáronse as actividades» entre as que se atopa unha exposición «As imaxes do Alén» no Centro Cultural O Picouto, unha degustación de produtos de Euskadi, Comunidade Valenciana, Asturias, Portugal, Galicia e Colombia, esta última cunha tostadora de café. A gala do festival que se celebrará no Polideportivo O Picouto, entregará o premio Rebulir 2015 a Kepa Junkera e a María do Ceo «porque a pesar de non ser galegos, levan Galicia alá por onde van».

Esta edición do Festival será «dedicada ao grupo Asturias que este ano non poderá asistir polo falecemento dun dos seus membros» e no seu lugar actuará o grupo «A Ponte Vella» de Teo.

Carlos Rodríguez puxo de manifesto «a gran labor que realiza a asociación Rebulir ao longo do ano con eventos que mobilizan a moita xente ao Concello de Ramirás».

Pola súa banda, Cecilia Vázquez asegurou que este festival «resume nunha soa, tres dos eixes principais das políticas de Xuventude que se impulsan dende a Xunta de Galicia que son a participación xuvenil, a creatividade e a mobilidade». Marisol Díaz destacou a trascendecia que ten esta iniciativa cultura para «a promoción e transmisión da cultura da vosa zona e da provincia de Ourense».

También te podría gustar...