Jesús Vázquez e Manuel Baltar

 

Deputación de Ourense e Concello de Ourense iniciaron onte unha nova etapa presidida pola máxima cooperación, o diálogo e a colaboración institucional. Así concordaron en afirmalo na súa primeira reunión de traballo no Pazo Provincial Manuel Baltar e o novo alcalde da capital, Jesús Vázquez, na que analizaron temas sociais, de infraestruturas, medio ambiente, cultura, sostibilidade e fondos europeos.

O presidente do goberno provincial anunciou que se creará un comité permanente de cooperación entre ámbalas dúas institucións “para dinamizar e optimizar os proxectos de interese común para a capital e a provincia, porque ábrese unha nova dimensión política onde a colaboración debe ser máxima polo ben da cidadanía ourensá”.

Manuel Baltar explicou que nesta estratexia de cooperación cos concellos da provincia a capitalidade ten un peso específico “e por iso crearemos o comité de cooperación, que se reunirá aló menos unha vez ao mes para facer seguimento das políticas que imos poñer en marcha de maneira conxunta”. O dito comité estará integrado por dous deputados provinciais e dous concelleiros do equipo de goberno da capital e por dous técnicos de cada unha das institucións, que valorarán políticas dos ámbitos sociais, de infrestruturas, culturais, medioambiental, deportivas, etc. “Este xeito de traballar –en opinión de Manuel Baltar- terá especial incidencia nos primeiros días nas cuestións que afectan á estratexia de desenvolvemento urbano sostible que aprobará a Deputación, unha visión estratéxica de provincia coa vista posta nos fondos comunitarios para que teñan en conta os catro grandes proxectos nos que estamos a traballar: o Plan “Ourense, a provincia termal”; da creación da primeira Axencia Provincial da Enerxía e do Medio Ambiente en España; do Plan de Cometitividade para as Pemes da provincia cunha especial vocación cara á internacionalización das que teñen presenza nos mercados internacionais, e o proxecto de “Provincia Intelixente” e Administración Electrónica que ten en conta as novas canles de comunicación cidadá e que lle da o protagnismo que merece aos cidadáns da capital e da provincia de Ourense”.

Baltar confirmou que en canto se constitúa a corporación provincial “estarei encantado de facer a primeira visita institucional ao Concello de Ourense”, e dixo que Jesús Vázquez, nas súas primeiras horas como alcalde de Ourense, “xa deu sobradas mostras do seu compromiso co municipio, e mesmo onte tivemos ocasión de comparecer por un tema que afecta á cidade e á provincia por igual, e polo tanto esa palabra “Ourense”, que preside hoxe esta reunión, onte viviu un momento importante con esa cooperación institucional para que un proxecto deportivo tan sinalado como o do Club Ourense Baloncesto poida estar na vindeira tempada na elite do baloncesto europeo”.

Manuel Baltar rematou agradecendo a visita ao alcalde de Ourense e o seu compromiso, “agradecéndolle tamén que teña a ben inaugurar esta nova etapa de colaboración absoluta para ir na procura de intereses xerais coincidentes tanto da capital como da provincia”.

Pola súa banda, o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, salientou que “dende sempre tivemos claro que a cooperación e colaboración institucionais son imprescindibles”, e neste senso lamentou que a cidade quedase illada, en certa medida, pola falla de diálogo institucional”. O rexedor ourensán recalcou que a de hoxe na Deputación de Ourense foi a súa primeira visita institucional, “como non podía ser doutro xeito, pois a provincia necesita á cidade e a cidade precisa da provincia”, e agradeceu a súa presenza nas primeiras horas da súa toma de posesión do cargo de alcalde.

No tocante á reunión, Jesús Vázquez avanzou que se concretaron aspectos que redundarán en resultados que serán visibles a curto prazo. Como punto de partida, puxo énfase en dous temas iniciais que serán incrementados paulatinamente. Por unha banda, en materia de infraestruturas, a Deputación e o Concello colaborarán na intervencións nos accesos á zona termal, así como nos aparcadoiros destas zonas. “O fundamental é que quen nos visita, accedan en condicións dignas ás nosas ribeiras termais”, precisou Vázquez.

Tamén en materia de infraestruturas, o Concello solicitou á Deputación unha brigada medioambiental para acondicionar as zonas do perímetro rural de Ourense. De feito, o Concello realizará unha relación de actuacións prioritarias para actuar de xeito inmediato nas mesmas.

Por outra banda, en materia de cultura, os compromisos suscritos hoxe están no Festival de Cine e na Axenda única cultural, tal e como explicou Jesús Vázquez. No que respecta ao certame cinematográfico, acordouse a inclusión de novo da Deputación na organización do mesmo. Ambas institucións, Concello e Deputación, buscarán conxuntamente a implicación doutras administracións para este eido, fundamentalmente a Xunta de Galicia.

No que respecta á Axenda única cultural, foi outro dos compromisos electorais, tal e como lembrou Jesús Vázquez, “polo que na medida do posible trataremos de sacar adiante este proxecto para que sirva de referencia global da oferta cultural que se da en Ourense”.