Deputación e balnearios de Ourense presentan o máis completo programa de España en ocio e saúde termal

Sinatura.convenio.deputacion.e.balnearios.01

 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e os representantes dos balnearios da provincia asinaron hoxe no Pazo Provincial o  “Convenio de colaboración para o fomento do termalismo saudable e a cultura termal” 2015, unha iniciativa que supón a posta en marcha do máis completo programa de España no que atinxe a ocio e saúde termal.

A convocatoria ábrese mañá para todos os beneficiarios que desexen inscribirse no programa. Inclúe modalidades de estancias de 6 días ou de fins de semana nos cinco establecementos balnearios da provincia de Ourense: Arnoia, Laias e Lobios, pertencentes ao grupo Caldaria, e os de Baños de Molgas e O Carballiño, aos que se sumará en breve o Balneario de Cortegada. O programa tamén contempla tratamentos de termalismo, actividades culturais e “Viaxes termais” dende máis de 40 estacións de tren de diferentes comunidades autónomas, que inclúen prezos especiais nos billetes e traslados dende a estación de Ourense aos balnearios, ida e volta.

Manuel Baltar asinou o convenio con Rafael Luaña, representante do Grupo Caldaria Termal; Eduardo Laherrán, do balneario de Baños de Molgas, e José María de la Figuera, do Gran Balneario de Carballiño. Tamén estiveron presentes no acto de sinatura os alcaldes dos concellos ourensáns que contan con establecementos balnearios: Lobios, Cenlle, O Carballiño, Baños de Molgas, Arnoia e Cortegada, e o director da Área de Benestar da Deputación de Ourense, José Juan Cerdeira, quen explicou os aspectos técnicos do programa de “Termalismo saudable 2015”.

O presidente do goberno provincial dixo que esta é “unha aposta irrenunciable polo desenvolvemento dunha liña estratéxica e singular para impulsar a competitividade e promoción, entre outros, dos sectores termal e turístico da provincia de Ourense”, e engadiu que a cooperación entre as administracións pública e o sector privado “amosa unha vez máis as fortalezas desta colaboración, o que nos permite hoxe presentar o primeiro programa de España destas características, que incorpora entre as súas melloras a posibilidade que só en 5 minutos a través de Internet os interesados poida tramitar a súa solicitude e dispoñer da documentación para a súa estancia termal”.

Manuel Baltar afirmou que coa presentación días pasados en Fitur do Plan “Ourense, a provincia termal”, coa colaboración co Concello de Ourense para a estratexia de fondos europeos, e coas accións de promoción internacional como a levada a cabo coa incorporación ao programa de termalismo dos cidadáns da eurocidade Chaves-Verín, “estamos a pasar das palabras aos feitos impulsando un sector diferencial e competitivo que, coa chegada da alta velocidade, poderá converterse nun dos motores económicos da nosa provincia”.

O programa de Termalismo saudable 2015 estima poder superar este ano a cifra de mil beneficiarios. En 2014 foron 730 as persoas que se inscribiron neste programa, sendo 1 de cada 3 beneficiarios de fóra da provincia de Ourense. En opinión de Rafael Luaña “este programa, único en España, permítenos promocionar adecuadamente o denominado “ouro branco”, que non é outro que o termalismo da provincia de Ourense, contribuíndo así a manter a actividade e o emprego nos establecementos termais”.

Tramitación de solicitudes on line

A Deputación de Ourense, por medio da súa Área de Benestar, publica hoxe no BOP o Programa de Termalismo Saudable 2015 «Ourense, a provincia termal», unha actuación enmarcada no ámbito das políticas sociais que oferta servizos de saúde, benestar e envellecemento activo a través do termalismo social baseado nos beneficios -en termos de calidade de vida- que ofrecen as propiedades terapéuticas das augas declaradas como mineiro-medicinais, os servizos médicos asociados ao seu desfrute e as actividades socioculturais que se prestan nas instalacións termais da provincia de Ourense.

A xestión do programa realízase a través da administración electrónica para que o beneficiario poida tramitar a súa solicitude dende calquera lugar e a calquera hora, obtendo unha resposta inmediata e en tempo real sen demoras nin retrasos. No mesmo momento no que o cidadán realiza a solicitude on-line obtén a resolución da administración. A presentación de solicitudes por Internet pódese facer a través da páxina web http://termalismo.depourense.es dende mañá martes e a solicitude-resolución on-line obtense ao momento. Tamén se poden tramitar as ditas solicitudes a través dos Servizos sociais dos concellos. 

Programas

Programa de Estancias Termais de 6 días/5 noites: este programa contempla estancias de luns a sábado que inclúen 5 noites de aloxamento, pensión completa, 10 tratamentos termais con asesoramento médico e animación sociocultural. Os requisitos para poder participar neste programa son: ter cumpridos os 50 anos de idade e non padecer enfermidade nin alteración ou contraindicación médica que dificulte  a normal convivencia nos establecementos balnearios.

Programa de fins de semana-cultura termal: aberto a maiores de 18 anos, consiste en estancias en balnearios para unha ou dúas persoas, puidendo estar acompañadas dun menor de ata 12 anos. O programa inclúe pensión completa, 2 técnicas de balneario por persoa e acceso ilimitado ás piscinas termais.

Programa de tratamentos termais: inclúe 20 técnicas de balneario durante 10 días. Este programa é para persoas que teñan cumpridos os 50 anos.

Programa de estancias de 6 días + tren: este programa (xestionado a través da web: www.trenbalnearios.com) engade ás estancias de 6 días o desprazamento en tren dende máis de 40 estacións de ferrocarril e o traslado ao balneario. Entre as estacións figuran: A Coruña, Albacete, Alacante, Astorga, Barcelona, Bilbao, Burgos, Cáceres, Calatayud, Cartagena, Castellón, Córdoba, Cuenca, Girona, León, Lleida, Madrid, Málaga, Monforte Murcia, Palencia, Ponferrada, Pontevedra, Segovia, Santiago de Compostela, Sevilla, Valencia, Vigo, Zamora e Zaragoza, entre outras.

Con este último programa preténdese poñer en valor a función social do tren e as altas prestacións das novas infraestruturas ferroviarias así como a progresiva posta en marcha de novos traxectos de alta velocidade y as posibilidades que elo ofrece ao cidadán. No programa está implicada de forma moi activa Renfe Viajeros S.A,  a través da creación dunha tarifa especial dende cada estación de orixe e integrando a xestión dos billetes de tren dentro do contido do programa, de maneira que o beneficiario obtén o billete de tren coa propia solicitude da súa participación no programa, sen necesidade de realizar unha xestión específica para o desprazamento.

Este acordo entre a Deputación de Ourense e Renfe para as viaxes termais permitirá que todos os luns, de febreiro a decembro, os viaxeiros que desexen pasar un días gozando das bondades do termalismo poidan viaxar á provincia de Ourense aproveitando excelentes ofertas de viaxe en tren, traslados e estancias en balnearios dende máis de 40 das principais estacións de ferrocarril de España, combinando as liñas regulares de tren co posterior traslado incluído aos establecementos balnearios da provincia ourensá.

Preténdese así incrementar a competitividade do sector termal provincial cun modelo que poida sentar as bases e aproveitar, dentro de tres anos, toda a potencialidade da chegada do AVE a Ourense e as reducións de tempos que xa se producirán este ano 2015 grazas á apertura de novos tramos de alta velocidade na viaxe entre Madrid e Ourense.

También te podría gustar...