Manuel Baltar e Fernando Bayón

 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o director da Fundación Escola de Organización Industrial (EOI), dependente do Ministerio de Industria, Fernando Bayón, asinaron esta tarde un acordo de colaboración entre ámbalas dúas institucións que permitirá investir un millón de euros na provincia de Ourense en actividades destinada ao emprendemento xuvenil.

As accións, que se concretarán nos vindeiros meses, desenvolveranse en catro anualidades: entre 2015 e 2018, no marco do programa operativo de fondos europeos previsto para o período 2014/2020, e teñen como finalidade a realización de actividades e proxectos que fomenten o emprego e a creación de empresas no ámbito da mocidade na provincia de Ourense.

Manuel Baltar afirmou que estes investimentos e outros que previsiblemente procederán do remanente de tesourería da xestión orzamentaria de 2014 “quedarán a disposición do goberno provincial que saia da urnas en maio de 2015 porque non se pode facer electoralismo, e menos co tema máis sensible: o emprego”. Baltar agradeceu “a sensibilidade” da Fundación EOI e de Fernando Bayón con Ourense “apoiando sempre ese compromiso de desenvolvemento da nosa provincia”, e subliñou que a Área de Benestar da Deputación de Ourense está a traballar no Plan de Emprego, que terá entre as súas liñas estratéxicas o turismo e o medio ambiente”.

Pola súa banda, Fernando Bayón dixo que a preparación da mocidade para a súa chegada o mercado laboral e a súa motivación emprendedora centran o traballo da Escola de Organización Industrial. Neste senso, explicou que o acordo que hoxe se firmou coa Deputación de Ourense servirá para realizar programas de empregabilidade xuvenil que permitirán aos mozos adquirir as capacidades necesarias para o acceso ao mercado laboral, e citou como ámbitos destacados os idiomas, a formación empresarial e os coñecementos en actividades emprendedoras.

Precisamente, na formación para emprendedores, Bayón subliñou que en Galicia se están a impartir este ano seis cursos sobre iniciativa emprendedora –un deles na provincia de Ourense, que terá lugar en novembro- e que Ourense volverá a contar en 2015 cun novo curso destas características.

Manuel Baltar tamén lembrou que esta alianza estratéxica entre a Deputación de Ourense e o Ministerio de Industria, a través da Fundación EOI e do Inorde, permitiu xa establecer acordos para a realización dun plan no que se destinarán 4,5 millóns de euros para accións de emprendemento e competitividade económica enmarcadas no Plan “Transforma Ourense”. Neste caso, o financiamento procederá de fondos FEDER e FSE e achegarase en tres anualidades: 2015, 2016 e 2017, a razón de 1,5 millóns de euros en cada unha delas. O obxectivo é a realización de iniciativas de emprendemento en sectores destacados da provincia de Ourense como son o termal, a lousa e a vitivinicultura, entre outros.

 

Tamén froito da colaboración entre ámbalas dúas institucións destináronse 212.000 euros para o desenvolvemento de iniciativas innovadoras co fin de mellorar a competitividade das empresas ourensás e para un programa de bolsas para titulados universitarios.