Cultura e Educación traslada ao museo centro Gaiás pola choiva o festival ‘Cidade Imaxinaria’, que acollerá este sábado 50 espectáculos para toda a familia

alberto nunez feijoo preside a reunion do consello da xuntaA Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria traslada ao interior do Museo Centro Gaiás o festival ‘Cidade Imaxinaria’, que terá lugar este sábado de 11 a 21 horas con entrada libre e de balde.

O Museo Centro Gaiás acollerá as preto de cincuenta actividades programadas para esta edición, que inclúen espectáculos, xogos e obradoiros cos que grandes e pequenos poderán volver sentir a maxia do circo. O Museo Centro Gaiás cambiará de cara para converterse nun universo máxico onde trapecistas, malabaristas, pallasos, acróbatas, equilibristas e toda unha serie de fantásticos personaxes serán os protagonistas.

As previsións de choiva para esta xornada obrigan a un cambio de escenario pero non de programa, xa que todas as actividades previstas mantéñense, así como os seus horarios. Ademais, ‘Cidade Imaxinaria’ contará cun servizo especial de autobuses, que a partir das 14:00 horas partirán cada corenta minutos da Praza de Galicia.

Pasacalles, xogos e obradoiros
Seguindo a senda iniciada no 2014, a ‘Cidade Imaxinaria’ deste ano contará cun ‘Escenario imaxinario’, un espazo polo que, ao longo de toda a xornada, pasarán os mellores números circenses como as acrobacias aéreas de ‘Namorado do Aire’, os números cómicos dos tres aprendices de trapecistas, malabaristas e equilibristas de ‘Vaia Circo!’, os trucos de maxia de ‘Les Artuans’ e ata un ‘Cabaré’ cheo de criaturas fantásticas.

Ademais dos espectáculos do ‘Escenario imaxinario’, as persoas que se acheguen ao Gaiás poderán gozar coas aventuras dun estraño viaxeiro equilibrista que se despraza nun curioso ‘Sidecar’; xogarán con ‘Les Pompiers’ a escapar da súa tola mangueira; seguirán as andanzas dos ‘Cock-Tales’, divertidos músicos con plumas; e poderán despedirse por todo o alto entre o elegante e hipnotizante baile dos ‘Colors’.

Como xa é habitual, ‘Cidade Imaxinaria’ contará con xogos e obradoiros para todas as idades. Desde o ‘Apicirc’, onde os máis pequenos da casa construirán o seu propio circo; ata os múltiples e imaxinativos pasatempos do ‘Arriero de juegos’ e a ‘Árbore dos xogos’.

‘Cidade Imaxinaria’ tamén convidará ao público a descubrir o ‘Circo no faiado’ dos Irmáns Herrerita, onde podemos aprender a xirar o prato, facer malabares ou colgarnos do trapecio; converternos en intrépidos peregrinos e superar as diferentes etapas para conseguir a nosa credencial ‘Xogando no Camiño’ e a lucir os máis enxeñosos e divertidos peiteados grazas a dúas perruqueiras tolas e un creativo dj en ‘Senta a cabeza’.

Servizo de Cantina
Para repoñer forzas, a Cantina do Gaiás contará cun comedor no propio Museo Centro Gaiás e un espazo de hamburguesería no corredor cuberto de entrada ao edificio. E para os que queiran algo máis tradicional, a propia Cantina converterase nunha pulpeira de 12 a 18 horas. Para os máis golosos, no Museo Centro Gaiás tamén se instalarán postos de xeados, algodón de azucre, doces e palomitas.

Visita de balde ao Museo Centro Gaiás
Con motivo da celebración do festival Cidade Imaxinaria, o 22 de agosto a entrada á exposición ‘Camiño. A orixe’ será de balde. E para os que queiran coñecer un pouco máis sobre a mostra, o Museo contará con dúas visitas guiadas ao longo do día: 12:30 e 18:30 horas.

E os que prefiran visitala pola súa conta, recordarlle que o Museo Centro Gaiás dispón dunha aplicación para móbiles e tablets de descarga gratuita, na que poderán descubrir as historias que se agochan tras as obras de arte.