image_gallery (3)

 

Cultura e Educación leva esta fin de semana ‘Estamos no verán!!!’ a Nogueira de Ramuín e Vilamarín, no marco do ‘FalaRedes.

Os concellos de Nogueira de Ramuín e Vilamarín gozarán esta fin de semana da música en directo de Xoán Curiel e a súa banda no marco do FalaRedes que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria leva por cuarto ano aos concellos adscritos á Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia.

‘Estamos no verán!!!’ é a segunda actividade do programa de dinamización do galego co que a Secretaría Xeral de Política Lingüística quere ocupar o tempo de ocio das familias con propostas de calidade no noso idioma.

De sete a doce anos

‘Estamos no verán!!!’ é un espectáculo de música orixinal e divertido para nenas e nenos de 7 a 12 anos que busca promover o uso e a valoración positiva da nosa lingua, facéndoa protagonista do tempo de vagar. Acompañado pola banda Son+d2, Xoán Curiel canta a ritmo de rock, funk, blues, pop, reggae e bossa nova as aventuras dun grupo de xente miúda que soña con montar o seu propio grupo de música e facer cancións en galego.

‘Estamos no verán!!!’ chega este venres a Malpica de Bergantiños, ás 20:30 horas no Paseo da Praia. O sábado estará nos concellos de Nogueira de Ramuín e de Vilamarín. Ás 12:00 horas, na Praza da rúa Cagalla, en Luintra, e ás 19:00 horas, no Auditorio Municipal, respectivamente. A entrada será libre e de balde ata completar a capacidade das salas e dos espazos exteriores.

Ata final de mes ‘Estamos no verán!!!’ visitará os concellos de Barreiros, Ribadumia, Bueu e O Grove. O calendario completo da actividade está dispoñible en www.lingua.gal.

En 3 anos 600 actividades de FalaRedes
O programa de dinamización lingüística celebra á súa cuarta edición, logo do éxito obtido nas case 600 actividades exhibidas no marco da RDL durante os tres primeiros anos de desenvolvemento deste programa. As propostas que se integran nel ano a ano buscan cumprir os obxectivos emanados do Plan xeral de normalización da lingua galega, nomeadamente, aqueles que animan a promover o uso e a valoración positiva da lingua propia de Galicia na infancia, na mocidade e na familia, enchendo o seu tempo de lecer con actividades de calidade no noso idioma.

Ata final de ano chegará aos concellos da RDL, unha iniciativa impulsada polo Goberno galego para incidir nunha promoción do uso do idioma desde as administracións local e autonómica dunha maneira coordinada e planificada. Conta na actualidade con preto de 170 entidades adscritas.

Máis información sobre FalaRedes 2015 no web institucional da Secretaría Xeral de Política Lingüísticahttp://www.xunta.es/linguagalega/falaredes_2015 e nas redes sociais.