Cooperación, cultura, benestar, termalismo e infraestruturas nas comisións informativas da Deputación

  • As comisións informativas da Deputación de Ourense abordan temas de cooperación, cultura, benestar, termalismo e infraestruturas

1Fachada-Deputacin-300x213As comisións informativas da Deputación de Ourense celebran as súas reunións hoxe mércores, 20 de abril, e mañá xoves, 21 de abril, no Pazo Provincial. Nas xuntanzas de hoxe teñen lugar as comisións de Cooperación, Facenda e Transparencia, sendo a quenda das de Cultura, Termalismo e Igualdade, ao día seguinte.

Na comisión Especial de Contas e de Facenda e Economía tratarase a resolución e aprobación da Ordenanza reguladora da taxa pola prestación do servizo de extinción de incendios no parque de bombeiros da Deputación no Polígono de San Cibrao das Viñas.

Asemade outro dos temas a abordar na xuntanza será a delegación no ente provincial do exercicio das competencias do Concello de Ramirás en materia de xestión recadatoria. Outro punto a tratar será o expediente nº 3/2016 de modificación de créditos para o exercicio 2016, que ascende a cifra total de 1.795.660 euros.

Mañá xoves, na comisión de Igualdade, Benestar e Emprego darase conta das bases reguladoras para a concesión de axudas ás familias que durante o ano 2016, teñan un fillo ou filla, para o fomento da natalidade na provincia de Ourense. Para esta iniciativa a Deputación de Ourense destinará unha contía máxima de 800.000 euros.

Na comisión de Cultura, Deportes e Mocidade darase conta do estado de tramitación do expediente para a concesión da Medalla de Ouro da provincia aos Suaves e tamén da tramitación do expediente para a adquisición da biblioteca Benito Fernández Alonso.

Na comisión de Termalismo, Turismo e Medio Ambiente, abordarase a adhesión da Deputación de Ourense á European Historical Thermal Town Association (EHTTA).Trátase dun órgano europeo que aglutina a rexións e cidades con patrimonio termal, unidas na defensa, salvagarda e posta en valor destes recursos ante a Unión Europea e o resto do mundo. Esta asociación, sen ánimo de lucro, ten como obxectivo a constitución dunha rede de vilas e rexións de recoñecida tradición termal que permita impulsar o termalismo, incidindo tamén na definición de políticas creativas e innovadoras para a promoción destes territorios.

Na comisión de Transparencia e Administración Provincial tratarase a resolución de reclamacións e a aprobación definitiva da RPT de 2016, e na comisión de Cooperación, Infraestruturas e Medio Rural, abordarase a expropiación forzosa para a obra de mellora da estrada provincial «OU-0415 Brués-Portela da Cruz», no Concello de Boborás, así como a proposta de rexeitamento da solicitude do Concello de Maceda de delegar na Deputación as competencias para demoler unha edificación situada na rúa As Laxas.

También te podría gustar...