Convenio para seguir colaborando e potenciando o papel protagonista do Liceo

  • A Deputación de Ourense coopera na programación cultural, literaria, artística e deportiva do Liceo
  • Manuel Baltar e Xabier Casares asinaron onte o convenio de colaboración entre ambas entidades para «seguir potenciando o papel protagonista que ten o Liceo no ámbito cultural da nosa provincia», explicou o presidente da Deputación
Manuel Baltar e Xabier Casares

Manuel Baltar e Xabier Casares

 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o presidente do Liceo, Xabier Casares, asinaron onte no Centro Cultural «Marcos Valcárcel» un convenio de colaboración entre ambas entidades segundo o cal a Deputación achega un total de 25.000 euros para cooperación da institución provincial na programación cultural, literaria, artística e deportiva así como nos gastos de funcionamento desta sociedade cultural.

O presidente da Deputación de Ourense dixo que para o goberno provincial «supón unha honra e unha satisfacción esta alianza cun emblema cultural da nosa provincia, como é o Liceo de Ourense, para seguir colaborando e potenciando o papel protagonista que esta entidade ten na provincia de Ourense».

Baltar explicou que o Liceo, «que mantén viva a chama cultural de Ourense», cumpre 166 anos desde a súa fundación como Liceo Recreo de Artesáns, «e a Deputación de Ourense, que tamén afonda na cooperación en materia cultura e artística, non podía menos que colaborar cunha entidade senlleira, situada a escasos metros desta institución no Pazo dos Oca Valladares, un edificio do século XVI, declarado pola Xunta de Galicia «Ben de Interese Cultural», un cualificativo que debería ter o propio Liceo como organización polo labor que realiza en favor da cultura da nosa provincia, algo que recoñecemos desde a Deputación de Ourense», afirmou Manuel Baltar.

Pola súa parte, Xabier Casares agradeceu o apoio da institución provincial e dixo que o Liceo naceu «coa vocación de estar sempre presente nas actividades culturais e sociais da sociedade ourensá e, nese aspecto, estamos abertos á colaboración de todas as entidades que queiran ter un achegamento ao Liceo». «Trátase –engadiu Casares- de facer proxectos que vaian en beneficio de Ourense e da súa provincia, que é onde se enmarca o convenio que asinamos hoxe coa Deputación, o cal vainos permitir realizar un maior traballo na defensa da cultura da provincia de Ourense», asegurou Xabier Casares.

O Liceo de Ourense, con 700 socios actualmente, é unha sociedade cultural fundada en 1850, sendo desde entón un lugar de referencia na vida social e cultural de Ourense, con actividades que congregan anualmente a máis de cincuenta mil persoas. Casares detallou que no que vai de ano «o Liceo organizou xa 300 actos culturais».

También te podría gustar...