image_gallery (1)O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, reuniuse o venres co alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, para abordar actuacións conxuntas de impulso ao comercio e ao tecido empresarial ourensán, sectores que Conde calificou como motores claves do emprego do municipio. Durante o encontro, mantido na sede da Xunta en San Caetano, o conselleiro e o rexedor analizaron polo miúdo o apoio ao comercio de proximidade da cidade das Burgas, na busca de actuacións compartidas que permitan incrementar a competitividade dos establecementos.

Conde salientou que esa vontade do Goberno galego responde ao constante apoio que a consellería vén prestando durante os últimos anos ao tecido comercial ourensán, mediante o respaldo ás asociacións de comerciantes da localidade, que teñen permitido amplas oportunidades de mellora para o tecido comercial.

Ademais de estudar eses avances, Conde e Vázquez trataron ademais as distintas iniciativas de apoio ao tecido empresarial e industrial ourensán. Neste eido, ambos coincidiron na necesidade de impulsar a dinamización empresarial do municipio, a través do apoio ás empresas, o impulso aos emprendedores e a mellora das infraestruturas empresariais, como claves para garantir o desenvolvemento económico.

Conde trasladoulle ademais a Vázquez os últimos avances en relación ao polo tecnolóxico e industrial de avións non tripulados, no que, dixo, Ourense está chamado a xogar un papel importante. Un rol que, incidiu, vén dado tanto pola implantación no campus de Ourense da titulación de enxeñería aeroespacial, como da presenza de importantes empresas do sector aeronáutico na provincia.

Conde e Vázquez analizaron tamén o potencial da aceleradora Agrobiotech para as empresas de Ourense. Este espazo, situado no Parque Tecnolóxico de Ourense-Tecnópole, ten arrancado a súa actividade coa selección de 11 compañías galegas dos sectores agroalimentario, biotecnolóxico e da biomasa. Conde trasladou a Vázquez que estas empresas contan cunha folla de ruta individualizada para impulsar o seu crecemento, facilitando o financiamento e, especialmente, incrementando o seu potencial innovador.