image_gallery (1)

 

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, subliñou o pasado venres, no transcurso dun encontro de traballo mantido con representantes de AJE Ourense, a importancia do emprendemento innovador como clave no futuro económico de Ourense e de Galicia. Encontros como este, sinalou Conde, permiten compartir e coñecer as ideas e proxectos empresariais que fan de Ourense un elemento dinamizador da Comunidade.

Neste contexto, o titular de Economía e Industria resaltou que, no que vai de ano, a provincia suma máis de 200 novas empresas, dato que reflicte o seu impulso emprendedor e que mellora en 12 puntos porcentuais o acadado nos cinco primeiros de 2014. Destacou Conde durante o acto que estes e outros proxectos conforman unha xeración de emprendedores chamada a crear riqueza e emprego na provincia.

A aposta polo emprendemento está a contar co apoio do Goberno galego, posto de manifesto en iniciativas como a aceleradora de empresas Agrobiotech na que Ourense está chamada a xogar un papel fundamental. O espazo, ubicado no Parque Tecnolóxico de Ourense – Tecnópole, tense activado recentemente coa selección de 11 empresas galegas dos sectores agroalimentario, biotecnolóxico e da biomasa que contan cunha folla de ruta individualizada en función das súas necesidades. O obxectivo é incrementar o potencial innovador das pemes, favorecer o desenvolvemento de produtos e servizos innovadores, e facilitar o acceso ao financiamento.

Así mesmo, Conde destacou o esforzo que está a facer a Xunta por facer da Administración un facilitador de solucións. Neste sentido, a Lei do Emprendemento e da Competitividade Económica de Galicia simplificou os trámites para a apertura dun negocio suprimindo a licenza municipal por unha comunicación previa. Ademais, creáronse as Entidades de Certificación de Conformidad Municipal (ECCOM), que facilitan as tramitacións administrativas dos cidadáns.

 

Estas iniciativas reforzaranse nos vindeiros meses tanto coa activación das business factories para promover a creación de start ups industriais innovadoras, como coa posta en marcha da Oficina Doing Business.

Xunto a esta simplificación administrativa estase a prestar un apoio integral ao emprendemento. Deste xeito, no último ano mobilizáronse máis de 10 millóns de euros en novos proxectos, ademais de fortalecerse o financiamento alternativo a través da Rede de Investidores Privados, ou de impulsar o desenvolvemento de iniciativas emprendedoras coa Unidade Galicia Emprende.