COGAMI avoga por unha oferta turística e de lecer accesible a todas as persoas

  • Tendo en conta que o 15% da poboación mundial ten discapacidade, unha oferta turística e de lecer adecuada e dirixida a todas as persoas suporá, ademais dun factor de inclusión social, unha oportunidade de negocio para o sector
  • COGAMI dedica o mes de setembro ao turismo e lecer inclusivos durante a campaña 12 Chaves da Inclusión, lanzada este ano polo 30 Aniversario da Organización

 

Cando está a piques de rematar a tempada alta do turismo de vacacións, COGAMI pon o foco de atención na necesidade de contar cun turismo e un lecer inclusivos que permita ser gozado por todas as persoas, en igualdade de condicións e sen limitacións.

O 9% da poboación española ten discapacidade, só en Galicia hai censadas 235.451 persoas cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33%, e destas, o 65% comprende idades entre os 16 e 74 anos. Se ás persoas se lles ofrece unha oferta con infraestruturas, servizos, contornas, produtos e actividades accesibles, isto suporía non só un factor de inclusión social senón tamén unha oportunidade para o sector turístico, cun aumento de cota de mercado potencial de clientela a nivel mundial. 

“O turismo accesible non é só un hotel e un transporte accesible, supón tamén poder acceder a un museo, a unha cafetería, a unha praia ou a un paseo pola natureza en igualdade de condicións que o resto das persoas”, apunta o presidente de COGAMI, Anxo Queiruga, quen puntualiza “Debe terse en conta a experiencia da viaxe no seu conxunto: a planificación, a información turística, os transportes, a hostalaría e a restauración, as actividades turísticas, de lecer e deportivas,…”

Durante este mes de setembro, COGAMI dedica a campaña 12 Chaves da Inclusión ao turismo e o lecer inclusivos, co fin de facer un chamamento a todos os concellos e ao sector turístico que aínda a data de hoxe, carecen de espazos adaptados, limitando o seu uso a todas as persoas en igualdade de condicións.

“Promocionar o turismo e o lecer inclusivos benefician a toda a comunidade, non só ás persoas con discapacidade, tamén ás empresas do sector porque a súa clientela verase incrementada. Ademais unha persoa cando se sente cómoda na súa viaxe ou nunha actividade, repite experiencia”, aclara Queiruga.

Como exemplo son as máis de 2.000 persoas con discapacidade que cada ano viaxan a distintos puntos turísticos inclusivos de España a través do programa de vacacións que ofrece COCEMFE, entidade estatal da que forma parte COGAMI. Este ano, ademais de accesibilidade, teranse en conta todas as medidas de prevención ante o COVID-19, como a redución de número de persoas nas quendas, toma de temperatura, uso de máscara e xel hidroalcólico, dotación de equipos de protección para persoal de apoio e o acompañamento de persoal técnico de prevención de riscos en cada grupo.

Para superar as dificultades de acceso a actividades de lecer e deportivas, dende COGAMI e as súas entidades membro desenvólvense anualmente programas que permiten a práctica de navegación a vela, a asistencia a balnearios con fins saudables, a asistencia a campamentos, a práctica de actividades de respiro familiar e a organización de deportes inclusivos. Como exemplo as 48 actividades desenvolvidas durante o ano pasado pola área de Lecer de COGAMI nas que participaron 908 persoas do movemento asociativo.

  • COGAMI por unha Galicia Accesible

Dende hai dous anos, COGAMI e Equalitas Vitae, empresa líder na promoción do turismo accesible, traballan conxuntamente no proxecto denominado Galicia Accesible para promocionar o turismo accesible na nosa comunidade a través de estudos sobre a accesibilidade en aloxamentos e outros servizos da oferta turística e cultural, promocionando aqueles que cumpran cuns requisitos de accesibilidade establecidos e que garantan un servizo turístico de calidade para clientela con necesidades especiais.

Cando as instalacións dos establecementos cumpren cos requisitos, COGAMI entrégalles un distintivo acreditativo da posibilidade do seu uso por todas as persoas e ademais, trala colocación dun adhesivo cun código QR, permítese a conexión cunha APP de Turismo Accesible by Equalitas na que se poden ver as características das instalacións do establecemento.

  •  Campaña 12 Chaves da Inclusión: turismo e lecer inclusivos

COGAMI continúa coa campaña 12 Chaves da Inclusión para conmemorar os trinta anos de traxectoria e para isto dedica cada un dos meses do ano a un dereito, sendo neste mes de  setembro dedicado ao turismo e o lecer  inclusivos. 

 

También te podría gustar...