image_gallery (3)O programa ‘Cultura no Camiño’ recala este mes de agosto en Santiago de Compostela para ofrecer un total de sete espectáculos de novo circo, maxia e teatro coa Praza da Quintana como escenario. Esta carteleira, que se estende desde hoxe e ata o vindeiro día 25, forma parte do circuíto cultural e de lecer promovido pola Xunta de Galicia xunto a 93 concellos galegos con motivo da conmemoración do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago de Compostela.

As actuacións, programadas os martes e xoves ás 19.00 horas, darán comezo mañá día 4 coas acrobacias e os malabares do dúo Circo Chosco e a súa montaxe ‘Forzud@s’, na que a espectacularidade dos números circenses se combina co humor. O xoves día 6 será a quenda da maxia con Fusionarte. ‘Ao ritmo da maxia’ é o título da súa proposta de ilusionismo e música, que protagonizan Martín Camiña e o Álvaro Muras Trío.

O calendario de ‘Cultura no Camiño’ en Santiago continuará o martes 11 con Pistacatro Produtora de Soños e ‘Fair Play’, unha comedia en clave de cine mudo e circo que evoca os tolos anos vinte, e o xoves 13 con ‘Up 2 Down’, espectáculo no que a compañía trasPediante mestura circo contemporáneo e danza con notas de humor e clown.

Números aéreos e equilibrismos
Pola súa banda, Desastronauts abrirá a terceira semana de funcións o martes 18 coa súa última creación aérea, ‘Un tonto no aire’, mentres que Pistacatro regresará á Quintana o xoves 27 para lle achegar ao público ‘Ekilibuá’, un espectáculo de equilibrismos, acrobacias, lanzamento de coitelos e manipulación de obxectos.

‘Cultura no Camiño’ despedirase de Compostela o martes 25 co teatro de Ghazafelhos e a súa adaptación de ‘As mil e unha noites’, unha nova versión da historia de Sherezade e o sultán, que se presenta arredor dun carromato transformado nun escenario con todos os elementos para transportar os máis pequenos á antiga Persia.

En todas as rutas xacobeas
A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e Turismo de Galicia están a desenvolver ‘Cultura no Camiño’ en colaboración con 93 municipios das diferentes rutas xacobeas e co patrocinio da empresa Gadis. O programa, que levará a cabo ata o 30 de setembro nas catro provincias galegas un total de 316 actuacións musicais, de teatro, danza, novo circo e maxia, forma parte das actividades conmemorativas do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Compostela.

O calendario completo de actividades está dispoñible para a súa consulta no web da Agadic (www.agadic.info/culturanocamino), así como na sección de axenda da páxina de Cultura da Xunta de Galicia (http://cultura.xunta.es/gl/axenda).