Sabah Walid, Manuel Baltar e José Luis Ferro

Sabah Walid, Manuel Baltar e José Luis Ferro

 

A vila de Celanova acolle entre os días 22 ao 27 de setembro o “Congreso internacional sobre educación e socialización do patrimonio”, sOpA 2014, un foro no que colabora a Deputación de Ourense e no que se darán cita máis de 200 expertos e representantes de colectivos sociais de 10 países para debater sobre o futuro do patrimonio e da cultura no ámbito rural. Hoxe tivo lugar a presentación deste congreso no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” coa presenza do presidente provincial, Manuel Baltar; o alcalde de Celanova, José Luis Ferro, e a directora do congreso, Sabah Walid.

Manuel Baltar dixo que Celanova, como referente cultural de Galicia “é o lugar máis acaído para a celebración deste congreso, no que se vai falar dun ben tan prezado como é o noso patrimonio, algo que temos a obriga de preservar, manter e difundir para coñecemento de todos e para seguir creando esa “conciencia cultural” que en Ourense e en Galicia representa o legado histórico, etnográfico, natural e patrimonial que posuímos”.

O proxecto sOpA, na súa edición de 2014, baseado na “cultura libre”, pretende abrir o debate da cultura no rural a todos os estamentos da sociedade con enfoques alternativos e novas propostas “que permitan determinar novos modelos de xestión social do patrimonio, sempre nun contexto de diálogo aberto tanto para científicos como para asociacións e cidadáns”, explicou Sabah Walid.

Os contidos e as conclusións do congreso serán de acceso libre nas redes sociais para que todos os interesados poidan coñecer os avances acadados nesta xuntanza, na que participarán historiados, arqueólogos, activistas culturais e conservadores e restauradores que, ao longo de cinco días, ofrecerán relatorios e obradoiros que abranguen todas as temáticas de actualidade no que atinxe ao patrimonio no rural, como son a dinamización cultural, a intervención en elementos patrimoniais, o turismo, a accesibilidade, a comunicación, a participación cidadá e as artes e artesanía, entre outras materias.

Os participantes no congreso achegarán propostas de diferentes países como España, Portugal, Francia, Reino Unido, México, Arxentina, Perú, Uruguai, Chile e Azerbaián.