Campaña “Monforte en Negro contra as Violencias”

  • A Concelleira de Muller e Igualdade anima todos os colectivos, empresas e cidadáns a sumarse
  • Margarita López deu a coñecer o programa que o Concello organiza co gallo do 25 de Novembro, Día Internacional contra a violencia de xénero, un programa de actuacións que dará comezo mañá coa colocación de pancartas conmemorativas no edificio do Concello, no Centro Cívico e na rúa Cardenal, así como un vinilo específico da campaña no Bus Urbano do Concello, e a mesa “Exprésate contra a violencia de xénero”, que estará ubicada na Casa do Concello
  • O propio 25-N, celebrarase a tradicional concentración na Praza do Concello,  na que a Concelleira de Muller e Igualdade dará lectura ó Manifesto a partir das 12 horas, ó que seguirá unha acción poética a cargo da escritora monfortina Margarita Rodríguez Otero e un minuto de silencio polas vítimas de violencia de xénero
  • Os obradoiros dirixidos ós alumnos e alunmas dos centros educativos de primaria e secundaria de Monforte abordarán este ano o manexo adecuado das redes sociais e as TICs por parte da mocidade
  • Outras actividades serán un curso de autodefensa para mulleres, a celebración da Mesa de Coordinación para a mellora da atención ás vítimas de violencia de xénero e unha xornada formativa sobre “As manifestacións da violencia de xénero” e será impartida en liña por María Paz Filgueira Paz, Maxistrada especialista en violencia de xénero
  • A Concelleira tamén destacou a importante labor que o Centro de Información á Muller do Concello (CIM) prestou ás mulleres especialmente durante a pandemia, “estando dispoñible as 24 horas para prestar este tipo de apoio , sobre todo nos duros meses do confinamento”

 

A Concelleira de Muller e Igualdade do Concello de Monforte de Lemos, Margarita López,  acompañada pola 1ª Tenente de Alcalde, Gloria Prada, deu a coñecer hoxe os actos que o Concello organiza, a través do Centro de Información á Muller (CIM), co gallo do 25 de Novembro, Día Internacional contra a violencia de xénero. A Concelleira convidou a todos os axentes sociais e económicos do municipio a participar un ano máis na campaña de sensibilización “Monforte, en Negro contra as Violencias, que “este ano contará cun programa de actuacións no que a pandemia da Covid-19 seguirá estando presente, motivo polo cal pensamos en actividades seguras e de acordo co que nos ditan as autoridades sanitarias”, sinalou a Concelleira.

“Un ano máis vestiremos de negro Monforte porque creemos que a actual situación require dunha resposta unánime de toda a sociedade que poña de manifesto o rexeitamento de todas as formas de violencia contra as mulleres.”, sinalou Margarita López.

Baixo o lema de “Monforte en Negro” a campaña ideada dende o Concello, estenderase dende hoxe 17 e ata o 30 de novembro. Así, dende mañá permanecerán colocadas pancartas conmemorativas no edificio do Concello, no Centro Cívico e na rúa Cardenal.

Ó igual que o ano pasado, levarase a cabo a proxección sobre a Torre da Homenaxe do lema da campaña, que terá lugar o propio día 25 de novembro dende as 6 e media da tarde e ata as 12 da noite, para concienciar a toda a cidadanía en contra das violencias.

Tamén, ó igual que en 2020, instalarase un vinilo específico desta campaña no Bus Urbano do Concello, para aumentar así a visibilidade e a forza da mensaxe que se quere transmitir.

En canto ó resto de actividades que que se desenvolverán arredor do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, serán as seguintes:

Colocación da Mesa “Exprésate contra a violencia de xénero”, que estará ubicada na Casa do Concello. Nela está xa dende hoxe dispoñible un libro de sinaturas para todas aquelas persoas que o desexen poidan deixar escritas nel as súas mostras de repulsa contra a violencia de xénero..

Actos previstos para o xoves 25 de novembro: darán comezo ás 12:00 horas, momento en que terá lugar o acto conmemorativo do propio día coa Lectura do Manifesto na Praza do Concello, que será lido pola Concelleira de Muller e Igualdade. Posteriormente, levarase a cabo unha acción poética a cargo da escritora monfortina Margarita Rodríguez Otero. E o acto rematará cun minuto de silencio por todas as vítimas de violencia machista.

Obradoiros nos centros educativos de primaria e secundaria

Obradoiro “Enredando” dirixido ó alumnado de 3º de  ESO

Este obradoiro, que deu comezo o pasado venres 12 de novembro nos centros de ensinanza secundaria de Monforte, ten por obxectivo informar acerca dun manexo adecuado das redes sociais e as TICs por parte da mocidade, recoñecendo e analizando por parte do alumnado conductas de control nas relacións de parella e reflexionando sobre as consecuencias das condutas nocivas nas primeiras relacións de parella ca finalidade última de promover relacións afectivas saudables e igualitarias.

A encargada de levar a cabo a actuación será a psicóloga clínica Paula Sánchez, a cal exporá de forma dinámica e audiovisual contidos teóricos a través de exemplos facilmente recoñecibles, reais e sinxelos para a mocidade facilitándolles as ferramentas claves para que camiñen cara a relacións baseadas na igualdade.

 A actividade vai dirixida ó alumnado de 3º da ESO e cada sesión ten unha duración de 100 minutos. As mesmas, para dar cumprimento co Protocolo da COVID-19 desenvolverase en cada unha das aulas dos distintos centros de ensino de Monforte que participedes na actividade.

A distribución das sesións será a seguinte:

Venres 12 de novembro

9.35 h.-11.15 h……….3ºA ESO IES Río Cabe

11.45 h.-13.25 h……..3ºB ESO IES Río Cabe

Martes 16 de novembro

9.50 h-11.30 h……..3º ESO  CPR Ferroviario

12.35 h-14.15 h……3ºA ESO IES Pinguela

15.35 h-17.15 h……3ºB  ESO IES Pinguela

Martes 23 de novembro

8.45 h.-10.25 h…… 3ºA ESO  CPR PP. Escolapios

10.45h.-12.25 h……3ºB ESO CPR PP. Escolapios

Xoves 25 de novembro

9.35 h.-11.15 h……….3º ESO IES Daviña Rey

11.45 h.-13.25 h………3º ESO CPR Torre de Lemos

Obradoiro “En liña coa igualdade” dirixido ó alumnado de 6º educación primaria

Obradoiro práctico e de traballo grupal no que se analizarán o uso das redes sociais, a visión da adolescencia nas redes (a importancia da imaxe, a hipersexualización infantil en internet…) así como as consecuencias negativas que a mesma provoca nos nenos, nenas e adolescentes.

O obradoiro será impartido por Noelia Rodríguez Álvarez, educadora social con ampla formación e experiencia en igualdade, a cal tras analizar os conceptos anteriormente sinalados traballará o que amosa a rapazada nas redes sociais e a rede de contactos que acceden a estes contidos.

A actividade vai dirixida ó alumnado de 6º da ESO e cada sesión terá unha duración de 90 minutos, dando comezo o día 22 de novembro. As mesmas, para dar cumprimento co Protocolo da COVID-19 desenvolverase en cada unha das aulas dos distintos centros de ensino de Monforte que participedes na actividade.

A distribución das sesións será a seguinte:

Luns 22  de novembro

9.55 h.-11.25 h……6º Curso CPR Torre De Lemos

12.10 h.-13.40 h….6º Curso  CPR Ferroviario

15.00 h.-16.45 h….CEE Infanta Elena

Martes 23 de novembro

9.00 h.-10.30 h…….6ºA CEIP Colexio Novo

10.30 h.-12.00 h…..6ºB  CEIP Colexio Novo

12.30 h.-14.00 h…..6º Curso CEIP A Gandara

Martes 30 de novembro

10.00 h.-11.30 h……6ºA CPR Escolapios

12.00 h.-13.30 h……6ºB CPR Escolapios

Curso de autodefensa para mulleres ante situacións violentas

O obxectivo deste curso é dotar as mulleres de ferramentas para a súa defensa persoal e auto capacidades para a prevención de situacións de violencia de xénero.

Estará impartido por persoal instrutor de Fegaloita, pertencente as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado cualificado con experiencia en técnicas de intervención na violencia de xénero.

Desenvolverase o xoves 18 e luns 22  de novembro no Centro Cívico Social de 9:30 a 13:30 h. As mulleres interesadas deberán inscribirse previamente no CIM.

A Secretaría Xeral de Igualdade en colaboración coa Federación Galega de Loita (Fegaloita)  ofreceu esta actividade ós Municipios adheridos a Rede de Entidades Locais contra a violencia de xénero.

Mesa de Coordinación para a mellora da atención a vítimas de violencia de xénero

O venres 26 de novembro ás 12:00 h. no Centro Cívico Social terá lugar unha nova sesión da Mesa de Coordinación para a mellora da atención ás vítimas de violencia de xénero, a cal ten como finalidade garantir, fomentar e implementar accións e formulas preventivas xunto cunha atención integral de calidade ás vítimas.

Esta mesa está composta por profesionais de toda a comarca de Lemos que pertencen a distintas áreas de intervención: Social, Educativa, Corpos e Forzas de Seguridade do Estado, Xustiza, Colexio de Avogados, Sanitarios,…

Todas as reunións da Mesa de traballo inícianse cunha sesión formativa que nesta ocasión versará sobre a “As manifestacións da violencia de xénero. Normativa aplicable” e será impartida en liña por María Paz Filgueira Paz, Maxistrada especialista en violencia de xénero.

Margarita López rematou a súa comparecencia animando “a todos os axentes sociais e económicos do Municipio a implicarse na conmemoración do 25 de Novembro, así como a todos os veciños e veciñas de Monforte, así como a asociacións, colectivos, entidades e empresas a que participen nos diversos actos que conforman esta campaña co obxectivo común de acabar coa lacra da violencia de xénero na nosa sociedade, pois é un tema transversal que nos compete a todos e todas.”

Atención a vítimas de violencia de xénero no CIM

A Concelleira tamén destacou a importante labor que o Centro de Información á Muller do Concello (CIM) prestou ás mulleres especialmente durante a pandemia, “estando dispoñible as 24 horas para prestar este tipo de apoio , sobre todo nos duros meses do confinamento”.

O incremento no número de mulleres atendidas polo CIM aumenta ano a ano, como se pode ver na seguinte relación, que recolle datos correspondentes ós anos 2019, 2020 e 2021:

  • Ano 2019, atención a vítimas de violencia de xénero: 281.
  • Ano 2020, atención a vítimas de violencia de xénero: 325.
  • Ano 2021, (ata o 15/11/2021), atención a vítimas de violencia de xénero: 359.