Benestar inviste máis de 1,7 millóns de euros en financiar os programas de inclusión social dos concellos

alberto nunez feijoo preside a reunion do consello da xuntaA Consellería de Traballo e Benestar investirá este ano máis de 1,7 millóns de euros en financiar os programas de inclusión social que desenvolven os concellos galegos. Con este orzamento, apóianse aquelas iniciativas dirixidas á poboación xitana, inmigrante, e a persoas en risco de exclusión beneficiarias da Renda de Inclusión Social de Galicia (RISGA). Este ano volve aumentar o orzamento destinado a este fin, ao pasar dos 1,6 millóns do 2014 a superar os 1,7 millóns neste exercicio

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe esa orde, cuxo prazo de solicitude se abrirá mañá e se prolongará durante un mes. O investimento desta convocatoria está distribuído do seguinte xeito: 650.000 euros para a comunidade xitana, 306.652 euros para a poboación inmigrante, e 779.831 euros para os beneficiarios da RISGA.

En liñas xerais, a convocatoria contempla financiar as seguintes actuacións: itinerarios personalizados de inclusión sociolaboral; intervencións educacionais para mellorar as condicións residenciais das persoas ou familias incorporadas a procesos de realoxo, erradicación do chabolismo, ou con carencias básicas no fogar; accións educativas enfocadas aos menores; asesoramento técnico especializado; e apoio ás persoas inmigrantes no relativo á realización dos trámites precisos nas autorizacións e renovacións de residencia e traballo.

Ao abeiro destas liñas principais de traballo cos colectivos beneficiarios, levaranse a cabo medidas máis concretas como cursos de alfabetización dixital, accións formativas para obter certificados de profesionalidade, orientación e apoio ao alumnado, ou aprendizaxe de linguas para a poboación inmigrante, entre outros.

O obxectivo último de todas estas actuacións é acadar a inserción sociolaboral destes colectivos.

Esta orde de axudas inscríbese na aposta do Goberno galego pola inclusión social, que se reforza cada ano. Este mesmo mes tamén se publicou no Diario Oficial de Galicia (DOG) a orde dirixida a entidades de iniciativa social, dotada con 5,2 millóns de euros, un 40 por cento máis que en 2014. En total, a partida destinada ás persoas e grupos de poboación en situación ou risco de exclusión social conta neste exercicio cuns 70 millóns de euros, un 17,7 por cento máis que en 2014.