Benestar abre o prazo para solicitar praza para estadías nas residencias de tempo libre de Panxón e O Carballiño

Cabecera-Diario-Oficial-Galicia_EDIIMA20121201_0107_13O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria para a adxudicación de estadías e servizos nas residencias de tempo libre de Panxón (Pontevedra) e O Carballiño (Ourense) que están adscritas á Consellería de Traballo e Benestar. Os dous centros están destinados ao ocio e o lecer das familias, xa que o obxectivo desta acción é favorecer a comunicación e participación persoal e socio familiar, cumprindo desta maneira unha importante función social.

Poden beneficiarse de estadías nestas residencias tanto as persoas maiores como os menores, sempre que vaian en compañía dos seus pais e nais ou titores legais, así como os galegos e galegas residentes no exterior. O prazo para a presentación das solicitudes rematará o próximo 20 de marzo. As inscricións deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado, que está dispoñible na sede electrónica da Xunta, https://sede.xunta.es

Familias monoparentais

Como novidade este ano, a unidade familiar poderá solicitar estadías para as dúas residencias de tempo libre e para unha ou varias quendas, aínda que non se admitirán a sorteo as solicitudes que inclúan persoas que gozaran dalgunha quenda na mesma residencia nalgún dos anos anteriores. Non se adxudicarán prazas por máis dunha quenda durante a tempada de verán.

Ademais, nesta edición por primeira vez resérvase a segunda quenda do mes de xullo para as familias monoparentais. Así mesmo, e, como outros anos, a última quenda de xullo queda reservada para as familias acolledoras, dando, deste xeito, cumprimento a unha demanda deste colectivo e se reserva a primeira quenda de agosto para as familias numerosas. A adxudicación destas quendas para as familias monoparentais, acolledoras e numerosas farase igualmente por sorteo de datas o mesmo día, sendo as sobrantes incluídas, de ser o caso, no procedemento xeral de adxudicación.

A adxudicación das prazas efectuarase por sorteo de datas o próximo 26 de marzo. Será público e terá lugar ante o xefe ou xefa territorial da Consellería de Traballo e Benestar correspondente ás localidades onde se emprazan as residencias. A relación de adxudicatarios das estadías e quendas adxudicadas publicarase o 10 de abril nas páxinas web http://traballoebenestar.xunta.es/ e www.familiasgalegas.org

También te podría gustar...