Baltar reclama «O discurso do territorio para recuperar poboación e promover iniciativas nas zonas máis necesitadas» no Foro «Transforma Ourense»

Manuel Baltar reclama no Foro TOU «o discurso do territorio para recuperar poboación e promover iniciativas nas zonas máis necesitadas».

  • O presidente da Deputación inaugurou en Bande o Foro «Transforma Ourense», que ten como obxectivo poñer en común experiencias empresariais de éxito para fomentar o cooperativismo e as ideas de negocio no medio rural.

0MB e foro TOU 15 1

 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, inaugurou onte en Bande, xunto co alcalde deste concello, José Antonio Armada, o II Foro Transforma Ourense (TOU), promovido pola Deputación de Ourense e o xornal La Región e coa colaboración do Concello de Bande, que ten como obxectivo poñer en común iniciativas e proxectos que sirvan de exemplo para fomentar o cooperativismo e o desenvolvemento de ideas de negocio no medio rural.

No acto de inauguración, que tivo lugar na Sala de Conferencias do Centro Aquis Querquennis, Manuel Baltar lembrou que Ourense «é unha provincia eminentemente rural, o 85 % do noso territorio conta con esa consideración; temos un problema de despoboamento, ao igual que moitas outras, pero estamos apostando por dinamizar o rural con iniciativas innovadoras, emprendedoras e que poidan xerar riqueza e asentar poboación», afirmou, engadindo que cremos «no discurso do territorio, é dicir, trátase de achegar iniciativas non só as zonas máis poboadas senón que temos que activar a demografía, recuperar poboación e promover iniciativas dinamizadoras naqueles territorios que máis o necesiten».

O presidente do goberno provincial dixo que espertar esa conciencia emprendedora traballando unidos e crendo no que facemos e nas posibilidades da nosa provincia «fixo que hoxe contemos en Ourense coa cooperativa agroalimentaria máis importante de España e unha das principais de Europa, que é Coren, e que tamén acade excelente resultado o cooperativismo no eido hortofrutícola co exemplo da cooperativa Hortoflor, porque se pode vivir dignamente da agricultura e do medio rural, e diso se trata: de crer nas posibilidades do territorio e das persoas».

No ámbito forestal, Manuel Baltar puxo como exemplo a necesidade de apoiar ás comunidade de montes veciñais en man común «axudándolles a constituír as súas xuntas reitoras, dándolles información a todos os niveis, fundamentalmente no ámbito comunitario, pois moitas das axudas que Europa destina aos montes veciñais se perden por non estaren activas as xuntas reitoras e iso é unha mágoa e temos que contribuír a que se activen», e tamén avanzou unha proposta para convocar unha mesa sobre o futuro do rural ourensán «porque todos os concellos da provincia teñen a mesma importancia e un gran potencial no seu medio rural».

O alcalde de Bande, José Antonio Armada, destacou a importancia «de explotar as posibilidades que ten o rural e tentar por medio de iniciativas como este foro seguir sacándolle partida aos recursos que temos na nosa contorna», ao tempo que agradeceu á Deputación de Ourense e ao seu presidente «por apostar por iniciativas que fomentan o cooperativismo e favorecen a ilusión emprendedora para levar adiante proxectos empresariais no rural».

Na xornada de hoxe participou o conselleiro de Economía e Emprego da Xunta de Galicia, Francisco Conde, e subdirector de información do Igape, Curro López, quen falou das «Políticas da administración autonómica no apoio a novos proxectos locais xeradores de emprego e actividade economica». Tamén se expuxeron casos de éxito como o Mercado da colleita, Galletas Daveiga e Castañam, e completouse a xornada cu tller sobre «Novos modelos de prazas de abastos como dinamizadoras do territorio, da contorna comercial e dos produtores locais».

Hoxe, o Foro TOU contará con dous relatorios sobre as comunidades de montes e os seus recursos, e sobre a xestión cooperativa dos montes veciñais.

0MB e Foro TOU 15 2

También te podría gustar...