Manuel Baltar entrega o proxecto dos orzamentos aos representantes veciñais

 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu hoxe no Pazo Provincial aos representantes de federacións de asociacións de veciños da provincia de Ourense para facerlles entrega do proxecto de Orzamentos 2015 da institución provincial. Na reunión participaron Manuel Carnero, presidente da Federación de asociacións de veciños “Limiar”, de Ourense; Lorinda Fernández, presidenta da Agrupación de asociacións de veciños “Miño”; Paz Álvarez, presidenta da Federación provincial de mulleres rurais “As Burgas”, e Eulogio Alonso, presidente da Federación de asociacións de veciños do Carballiño.

Na liña iniciada no ano anterior, coa presentación dos Orzamentos da Deputación de 2014, nesta ocasión o presidente provincial quixo presentarlles aos representantes veciñais, ao día seguinte de facer públicas as liñas básicas dos orzamentos para 2015, o proxecto –en formato dixital- que rexerá as directrices económicas da Deputación de Ourense o vindeiro ano. Asemade, na xuntanza abordouse o tema da orde que, por primeira vez se estableceu na Deputación de Ourense por concorrencia competitiva, para destinar determinadas partidas económicas para actividades de funcionamento das federacións veciñais.

Manuel Baltar amosou a súa disposición e a da Deputación de Ourense para establecer as liñas de cooperación entre a institución provincial e os colectivos veciñais da provincia de Ourense, unha colaboración na que tamén poden participar directamente os veciños a través da páxina web e das aplicacións para móbiles da Deputación de Ourense para facerlle chegar ao presidente calquera suxestión, proposta ou iniciativa que estimen convinte.

Baltar comentou que a estratexia da Deputación de Ourense “é a da máxima transparencia en todos os aspectos, para favorecer así a interrelación e a comunicación entre a administración provincial e os cidadáns”, e os representantes veciñais, pola súa banda, agradeceron que a Deputación lles facilitase os Orzamentos de 2015 e tamén o feito de que se presentasen con tanta antelación e que teñan cabida as reivindicacións veciñais. “A Deputación é de todos, e os veciños teñen a palabra non só a través dos representantes políticos elixidos en cada elección senón tamén a través das ferramentas que a Deputación pon a disposición dos veciños para que a comunicación sexa o máis proactiva, inmediata e interactiva posible”, explicou Manuel Baltar.

Manuel Baltar, na reunión cos representantes veciñais