• Aberto o prazo de axudas para os titulados universitarios desempregados que desexen cursar másteres oficiais no SUG
  • A Consellería de Cultura e Educación habilita unha partida de 200.000 euros para estas bolsas
  • Os interesados dispoñen dun mes de prazo para formalizar a solicitude

 

logo_DOGA Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (http://www.xunta.gal/dog/Publicados/2016/20160915/AnuncioG0164-060916-0002_gl.html ) a convocatoria de axudas destinadas a titulados universitarios en situación de desemprego para cursar másteres oficiais no curso 2016-2017, dotada con 200.000 euros.

A contía da bolsa, que vai desde os 1.215 € aos 1.788 € por beneficiario, cubrirá o importe correspondente a 60 créditos de primeira matrícula do máster universitario segundo os prezos públicos fixados pola Xunta para este curso académico.

Tal como establece a convocatoria, os interesados en solicitar estas bolsas deben estar a día de hoxe en situación de desemprego, posuír un título universitario expedido con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2014; estar matriculado no curso 16-17 nun máster oficial ofertado polas universidade so Sistema Universitario de Galicia, cun mínimo de 60 créditos; residir en Galicia polo menos nos últimos dous anos; e estar inscrito como demandante de emprego durante un período igual ou superior a 180 días; entre outros.

O prazo de presentación de solicitudes é dun mes a partir de mañá e as solicitudes deberán formalizarse preferiblemente por vía electrónica na sede https://sede.xunta.es; ou ben en soporte papel nos rexistros legalmente establecidos.

Esta liña de axudas responde, un ano máis, ao compromiso da Consellería de Cultura e Educación de continuar apoiando aos titulados universitarios en situación de desemprego co fin de mellorar as súas posibilidades de incorporación ao mercado de traballo.